FOTOGRAFÍA - NATUREZA

O fascinante mundo da Lagoa

dds
photo_camera Esteban Sonlleiro e a imaxe dun falcón peregrina capturada coa súa cámara.

Afeccionado á fotografía e apaixoado polo mundo das aves, Esteban Solleiro retratou entre os anos 2008 e 2016 mais de 180 especies na comarca da Limia para un libro fotográfico que acaba de publicarse.

Esteban Solleiro é un enxeñeiro de telecomunicacións vigués e afincado en Ourense que ven de editar un libro fotográfico sobre as aves que habitan na comarca da Limia. Baixo o título "Aves na Limia", Solleiro retratou 183 especies distintas, case o 50 por cento de todas as que hai rexistradas en Galicia, ao redor de 380.

"Teño fascinación polo mundo das aves. O que máis me chama a atanción delas é a súa capacidade de orientación e a súa condición de loitadoras", relata Solleiro. "Dende pequeno mercaba libros e fascículos sobre ornitoloxía", engade. 

Este ourensán de adopción desembarcou na Limia no ano 2008 cunha cámara na man e disposto a retratar todas as especies da comarca. "Sabía que na Limia había unha grande biodiversidade, sobre todo na lagoa", explica Solleiro. "Ao comezo recibín algunha axuda para adentrarme nos hábitats xa que son zonas con moitas pistas, moi difíciles de controlar", engade. 

Solleiro empregou case oito anos para retratar todas estas especies. Entre as observadas destacan especialmente unhas 20, que son catalogadas como aves "raras". Entre elas están o Alcavarán, a Cegoña Negra, o Carrán do Caspio, a Píllara Rubia, o Sisón, a Gaivinia Negra, o Lagarteiro Cincento, o Ganso Bicocurto, e a Gaivina de Cara Branca. 

"As fotos que aparecen no libro son de exemplares voando", explica Solleiro. "Prioricei a acción sobre primeiros planos". 

Este enxeñeiro, que se define a si mesmo como "autodidacta de case todo", formouse tamén no campo da fotografía polos seus propios medios. "Comecei cun equipo pequeno e, ao longo destes anos, fun adquirindo cámaras mellores", explica Solleiro. "Para facer un libro como este é preciso ter material de calidade".

Ao longo de todo este tempo, Esteban Solleiro aprendeu a indentificar as aves a base de observalas, de informarse e de ler guías relacionadas coa ciencia da ornitoloxía. "Sempre é sorprendente descubrir novas especies", conta o autor de Aves na Limia. "Onde menos o agardas poden aparecer aves raras", engade. 

Esta publicación está a ter unha grande acollida nas principais librerías. O propio Solleiro foi o encargado da maquetación e da distribución do libro que tivo o apoio da Sociedade Galega de Historia Natural. O seu presidente, Serafín González, foi o encargado de facer o prólogo . 

Segundo conta Esteban Solleiro, despois desta primeira experiencia coa publicación do seu primeiro libro, o autor no descarta seguir traballando e publicar un libro sobre aves de toda Galicia. 

Te puede interesar