Formoso ampara a Lama para a reelección en Xinzo

Villarino, Lamas e Formoso, falando onte en Xinzo.
photo_camera Villarino, Lamas e Formoso, falando onte en Xinzo.
O líder galego socialista sostivo que o PSOE mellora “a calidade de vida”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, visitou onte Xinzo para apoiar á alcaldesa e candidata á reeleción polo seu partido, Elvira Lama, acompañado polo secretario provincial, Rafa Villarino. O escenario escollido foi a travesía da N-525, nun cruce conflitivo da avenida de Ourense. O motivo foi poñer en valor o proxecto aprobado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) que prevé humanizar a principal arteria da vila limiá.

A candidata socialista agradeceu a presenza dos líderes provincial e autonómico do seu partido. Reivindicou as actuacións previstas para Xinzo a través do Goberno central, como a transformación da travesía, que suporá “unha transformación integral da nosa vila”. “Fomos quen de conquerir un proxecto financiado por parte do Mitma, e por tanto, penso que merece a confianza de todos os votantes e todos os veciños e veciñas. Vai supoñer un cambio nas nosas vidas”, manifestou.

Lama tamén mencionou outras actuacións, como a inversión de 35 millóns para o regadío da comarca ou a construción de paseos nas marxes do río Limia. “Temos unha candidatura magnífica”, valorou, “para que estes catro anos poidamos materializar estes proxectos”. Ademais, engadiu que ve á cidadanía “máis receptiva que noutras citas electorais” e destacou o “fío directo” co Goberno central.

Formoso defendeu que o PSOE, alá onde goberna, “é capaz de transformar a realidade urbana e mellorar a calidade de vida das persoas”. Neste sentido resaltou que “o futuro de Xinzo pasa por un futuro máis sostible” e que o PSOE fai campaña “en positivo”.

O líder socialista afeou ó presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, que percorra Galicia estando “en babia”. Tamén cargou contra a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón: “Fala de autonómicas, dándolle a espalda ás institucións que son a referencia política”, en referencia ós concellos.

Te puede interesar