Fronte común para evitar a tala de árbores en Xinzo

"Non queremos paralizar a obra,  queremos propoñer alternativas para evitar que se talen as árbores"

Ao redor de 80 veciños de Xinzo participaron na xuntanza convocada pola asociación ecoloxista Amigos da Terra, a Plataforma Ríos Limpos, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Natural Galego e a Sociedade Galega de Historia Natural co obxectivo de crear "un fronte común" que evite a tala de medio centenar de árbores que, previsiblemente, se acometerá dentro das obras de reforma da avenida de Celanova. 

A convocatoria foi "aberta" a todas as "persoas, colectivos sociais, entidades e organizacións" que quixesen participar. Tamén asistiron representantes políticos de todos os grupos da oposición do Concello de Xinzo (PSOE, BNG e Xinzo Adiante). 

O resultado desta asemblea foi a creación da plataforma " Amigos das árbores de Xinzo" que loitará pola defensa das 54 especies arbóreas ubicadas na avenida de Celanova. "Non queremos paralizar as obras xa que somos conscientes da necesidade que supón a reforma da avenida", sinalou unha das participantes. "Queremos propoñer alternativas para que se evite a tala". Como primeiras medidas o colectivo comezou a recoller sinaturas e este sábado realizará un acto para "poñer en valor as árbores". 

Te puede interesar