OBRAS

Gomareite inicia a segunda fase da reforma da casa reitoral

Será a futura sala para a celebración dos xantares populares e as festas da aldea

A xunta de montes de Gomareite, en Vilar de Barrio, abordará a segunda fase da reforma da casa reitoral, un inmoble de máis de 300 anos de antigüidade e propiedade do Obispado de Ourense, adquirido pola propia comunidade de montes para o uso e desfrute dos veciños do pobo. A primeira fase, concluída no mes de marzo e na que se investiron preto de 70.000 euros, comprendeu o acondicionamento dun local social na planta superior e un velorio municipal na parte baixa. 

Nesta segunda fase, que costará ao redor de 12.000 euros e que se iniciará a comezos da vindeira semana, rehabilitarase o alpendre ubicado nas proximidades da casa reitoral. O habitáculo, que conta cunhas dimensións de 150 metros cadrados, será a futura sala para a celebración dos xantares populares e as festas desta aldea de Vilar de Barrio. "Poñeremos un tellado novo, levantaremos o portalón e adecentaremos a finca que o rodea", explicou Juan Salgado, tesoureiro da comunidade de montes. Neste senso arranxaranse unhas 22 áreas e procederase ao peche das mesmas. 

O espazo acollerá unha das festas máis populares que se celebran na contorna como é a do San Martín, que terá lugar o vindeiro día 11 de novembro. 

O inmoble de Gomareite permaneceu pechado durante case catro décadas. Nel existiu un convento benedictino e foi o fogar do párroco de Santa María de Bóveda ata hai 40 anos. 

A inauguración da primeira fase da obra foi o pasado mes de marzo. Á festa asistiron ao redor de 80 persoas e contou coa presenza do párroco do pobo, que realizou unha bendición do novo velatorio. Ao remate, os participantes asistiron a una cea popular. 

Te puede interesar