O grupo parlamentario mixto critica unha tala feita en Sandiás

Dende o grupo mixto piden a "inmediata paralización" do xeito de proceder nas cortas das árbores xeneralizadas que están a ter lugar

O grupo parlamentario mixto que integran os deputados autonómicos Davide Rodríguez Estévez, Paula Vázquez Verao, Luís Villares Naveira e Francisco Casal Vidal presentaron unha Proposición non de lei para o seu debate en pleno sobre a corta masiva de árbores autóctonas ás beiras das estradas galegas. Concretamente, denuncian que o Ministerio de Fomento está "talando polo pé" centos de árbores da estrada N-525 entre o punto quilométrico 206 e o 208, e que coincide coa Vía da Prata-Camiño Mozarabe do Camiño de Santiago no treito entre Santa Ana e Piñeira de Arcos, en Sandiás. 

O grupo parlamentario sostén que xa se cortaron 78 carballos Quercus robur, 125 bidueiros Betula, 24 salgueiros, 3 sabugueiros Sambucus nigra, un freixo Fraxinus angustifolia e dous piñeiros Pinus pinaster. "Estas 230 árbores autóctonas talladas polo pé tiñan unha media de 40 a 45 anos de idade. Compuñan un conxunto arbóreo de alto valor medioambiental, paisaxístico, etnográfico e cultural e estaban integradas na contorna. Tamén protexían das inclemencias aos peregrinos e non supuñan ningún risco para a seguridade viaria dos usuarios, tanto peregrinos e camiñantes, como veciños", argumentan os parlamentarios. 

Por todos eses motivos, dende o grupo mixto piden a "inmediata paralización" do xeito de proceder nas cortas das árbores xeneralizadas que están a ter lugar, e a reposición inmediata das árbores talladas polo pé tal e como recolle a Lei do Patrimonio cultural de Galicia.

Te puede interesar