CON BASTÓN DE MANDO / ALCALDE DE SARREAUS

Gumersindo Lamas: “Temos que pensar en clave de comarca"

sindo7_result
photo_camera Gumersindo Lamas Alvar é un gran afeccionado ó fútbol.

Gumersindo Lamas leva 25 anos na alcaldía de Sarreaus, á que chegou en 1991. Daquela o seu pai rexeitara presentarse á reelección encabezando a lista do PP e ofrecéronlle a él esa posibilidade.

Gumersindo Lamas leva 25 anos na alcaldía de Sarreaus, á que chegou en 1991. Daquela o seu pai rexeitara presentarse á reelección encabezando a lista do PP e ofrecéronlle a él esa posibilidade. Aceptou e foi o único elexido da súa lista, fronte ós cinco concelleiros que acadou o PSdeG e outros cinco de Centristas de Galicia e estes decidiron  apoialo a el á alcaldía, para impedir un goberno socialista. No curso daquel mandato Centristas e PP se integraron e Gumersindo Lamas repetiría maioría absoluta en tódalas eleccións que se celebraron dende entón.

Cal é o seu secreto para manter un respaldo electoral tan amplo elección tras elección?
Creo que o máis importante é o traballo e a dispoñibilidade. Estar sempre disposto para todos os veciños, ser aberto e capaz de axudarlles, ser dinámico e sobre todo, ter gañas de traballar por eles.

Nestes tempos  convulsos para a clase política, qué pensa dos casos de corrupción que xurden a cotío?
O bo da política local é que estás en contacto coa xente. A xente escóllete a ti porque confían en ti. Se non confiaran non che ían votar. Eso é o que nos diferencia dos que están arriba. Os políticos de abaixo somos os que temos que loitar para conseguirlle os votos para eles e despois pasan estas cousas, que son tremendamente desagradables e que te avergonzan.


Cales reseñaría como principais logros destes 25 anos?
Sempre se pode falar de obras bonitas que locen, pero creo que o máis importante foi o traballo en xeral. No 91 había rúas sen asfaltar, moitos pobos sen abastecemento nin saneamento, polo que o principal foi dotar a todos os núcleos de infraestructuras básicas. Eso non é o que máis se ve, pero é o principal, ter os servizos básicos. Despois están obras bonitas, como as piscinas, o pavillón de deportes, unha Casa do Concello nova con salón de actos e aula de informática, locais sociais en todos os pobos perfectamente equipados.

Pasou factura a crise ó Concello?
Si, no sentido de que hai cousas que non se poden facer, proxectos novos, como unha residencia para maiores. Pero os veciños non se viron afectados e de feito, atendemos a conservación das infraestructuras básicas, estamos reparando camiños e incluso aumentamos o servizo de axuda a domicilio e de atención ós maiores.

Agricultura e gandeiría son os grandes potenciais de Sarreaus, como se atopan neste momento?
Son os grandes potenciais da comarca da Limia, pero hoxe para vivir da agricultura farían falla extensións de terreo grandes e as persoas que poden vivir ben son poucas. A maioría das fincas están postas en cultivo e hai moitas granxas e hai xente xoven que sí vive desas granxas, pero eu penso que estamos nun momento en que se queremos facer algo en Sarreaus hai que pensar con miras máis altas. Xa levo anos dicindo que temos que empezar a pensar como comarca e se non o facemos así o futuro vai ser bastante negro.

Como se debería concretar esa saída de cara ó futuro?
Temos algunhas empresas de servizos e construcción que dan certo xogo e algúns postos de traballo, pero a partir de aí a xente se vai para Ourense, porque incluso en Xinzo ten pouca cabida, ou para fóra, para buscar unha alternativa que aquí non teñen. O que precisamos é unha infraestructura industrial forte a nivel de comarca. Eu sigo decindo que se queremos seguir aquí temos que pensar como comarca e traballar como comarca.

A Limia ten un grave problema cos residuos, que solución lle ve?
O problema, logo do peche da planta de tratamento, é preocupante e preocúpannos a nós, aos veciños e sobre todo, aos gandeiros, porque teñen que vivir esa situación e darlle saída ós puríns das súas granxas, pero eles non teñen a solución. A Administración ten que involucrarse e se a planta que había aquí non é rendible, haberá que axudala dalgunha maneira, non para que sexa rendible, senón para que non xenere perdas. O importante é que xenere un beneficio á xente, que aínda que teña que pagar por tratar eses puríns, que teña unha solución, porque moitas veces nin pagando teñen onde tratalos e o que fan é botalos nas fincas e se non o poden facer á vista, fanno a escondidas, pero teñen que vivir.

Que obxectivos se marca para o próximo mandato?
Gustaríame conseguir unha residencia para os maiores, porque mentras vamos podendo atendelos nas casas, facémolo coa axuda a domicilio, que funciona moi ben o poñería  como ejemplo para a provincia pola súa calidade, pero hai que complementala con unha residencia, xestionada tamén polo Concello. Esta é unha das necesidades máis urxentes que temos neste momento. Despois, como máis necesario é algo polo que como alcalde me gustaría loitar e que xa citei, conseguir que o resto dos alcaldes pensen como comarca e que traballemos para araer industrias para a comarca. Somos unha zona agrícola e gandeira por excelencia e temos que apoiar eses sectores a morte e eso ten que ser un labor de comarca.

Te puede interesar