ENTREVISTA

"Hai moita xente con carreira que non ten a educación que hai nas aldeas"

Loureses (Os Blancos). 07/06/18. Entrevista a Manuel Mandianes na súa casa de Loureses.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Manuel Mandianes Castro na súa biblioteca de Loureses.

Manuel Mandianes, un dos referentes culturais da comarca da Limia, presenta este venres na Casa da Cultura de Xinzo, ás 20,30 horas, a súa primeira novela: "En Blanco"

Manuel Mandianes, un dos referentes culturais da comarca da Limia, presenta este venres na Casa da Cultura de Xinzo, ás 20,30 horas, a súa primeira novela: "En Blanco". Nela conta as peripecias dun personaxe nado en Loureses que é acusado de colaborar na guerriña colombiana e por este motivo resulta expulsado do país. O protagonista sofre unha profunda crise de identidade, un mal que o escritor limiao asegura que afecta á sociedade actual. 

Por que se decidiu a escribir a súa novela baseandose na guerriña?

Non é unha autobiografía, eu non son o protagonista, pero vivín aquela época e quixen prestarlle a miña experiencia ao personaxe. Aqueles anos están presentes, de maneira determinante, na época actual.  

Que aspectos daquela época se poden extrapolar aos nosos días?

É unha explicación do que está pasando na actualidade no senso relixioso, político e social. Neste momento estamos vivindo unha crise de identidade social, nacional e ideolóxica. A xente quédase sen referencias. As novas xeracións esquecéronse das tradicións, que son as que nos dan, precisamente,  as referencias das que falo. 

Cales son as tradicións que xa non ten a xuventude?

Antes as persoas sabían perfectamente a que partido político pertencían, ían a misa, facían os traballos cotiás como as sementeiras. As novas tecnoloxías cambiaron por completo a nosa visión do espacio e do tempo. Antes había unhas datas marcadas no calendario que te devolvían á túa esencia e historia, agora eso perdeuse. Por exemplo, a festa do Entroido en Xinzo ou a do Esquecemento xa non se celebran como antes, non hai unha preparación persoal, senon allea. 

É importante apoiar á cultura como símbolo de identidade?

Unha sociedade sen cultura, que mira as cousas por enriba do hombreiro, nunca terá identidade. Falo de cultura humanística, conceptos e coñecementos. De aí que haxa moita xente con carreiras que non teñen a educación que hai nas aldeas. A xente de aldea ten unha cultura e uns coñecementos que non veñen dos libros, senon da vida. 

Apóstase pola cultura en Xinzo?

Habería que apostar moito máis. Antes do Entroido ou do Esquecemento habería que ter ciclos de conferencias, por exemplo.

Te puede interesar