CULTURA

A historia da comarca xa ten o seu lugar na Biblioteca da Limia

O Padroado do Museo de Vilar de Santos inaugurou este espazo que pretende ser un referente 

"A Biblioteca da Limia é un proxecto que nos vai a traer moitas alegrías e que será motivo de orgullo", así iniciaba Delfín Caseiro, presidente do Padroado do Museo da Limia e un dos autores con presenza no novo espazo inaugurado onte, o seu discurso. O patio anexo á Mostra de Vilar de Santos quedouse pequeno para acoller a presentación dun proxecto no que a Xunta Directiva do Museo comezou a traballar hai 13 anos. "Comezamos editando un catálogo de autores da Limia", recordaba Xosé Antón Jardón, coordinador do Museo e histórico alcalde do municipio. "Naquel momento Delfín dixo que era preciso dar un paso máis e facer unha biblioteca", engadiu.

A fundación da Biblioteca da Limia converteuse no primeiro obxectivo do Consello Asesor do Museo, conformado por máis de 30 académicos e personaxes políticos e culturais da comarca, entre os que se atopa o actual rexedor de Vilar de Santos, Xan Jardón. "Asumimos a tarefa fundamental de facer deste arquivo un referente cultural a todos os niveis, un espazo real para remitir a unha comunidade á súa memoria colectiva", dixo Jardón. "A Limia é o pasado, pero tamén é o presente e o futuro", engadiu.

A posta en marcha da Biblioteca da Limia, ubicada na planta superior do Museo que leva o mesmo nome, contou coa presenza do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o deputado de Cultura de Ourense, Manuel Doval e alcaldes e alcaldesas da comarca, entre os que se atopaba o rexedor de Sandiás, Felipe Traveso ou a primeira edil de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade. A encargada de animar o acto foi unha das escritoras incluidas na Biblioteca, Carmen Penín, nada no municipio de Os Blancos e fundadora da agrupación musical 2naFronteira. Penín tamén é autora do libro-CD "Herdeiras" adicado á visibilización e memoria das mulleres.

No evento de Vilar de Santos tamén estivo o lingüísta e etnógrafo ourensán Elixio Rivas, destinatario do primeiro Premio Pedra Alta que outorgou o Consello Asesor do Museo da Limia.


Máis de 50 autores e unhas 200 creacións


A Biblioteca da Limia terá como principal obxectivo poñer en valor e dar a coñecer á sociedade os autores e autoras que desenvolven a súa creación no ámbito das humanidades. Neste senso, o espazo recolle os traballos de máis de 50 creadores que fixeron e seguen a facer achegas no ámbito da literatura, a investigación, o ensaio, a pintura, a escultura, a música e o audiovisual. Ademáis, o arquivo tamén contará cunha base de datos bibliográfica que alcance todo aquello que se publicou ou se publique relacionado coas terras bañadas polo río Limia, estas son todas as que pertencen ás comarcas da Limia e da Baixa Limia. 

A día de hoxe, a Biblioteca xa conta con máis de 200 volumes doados polos autores e autoras ou polas súas propias familias e dispón dunhas 30 biografías elaboradas a partir da información facilitada por eles ou por persoas e institucións achegadas. Entre os autores presentes nesta colección están Antón Riveiro Coello, Antón Tovar, Borxa Colmenero, Camilo Brandín, Cándido Casal, Carlos Casares, Delfín Caseiro, Edelmiro Martínez Cerredelo, Elixio Rivas, Federico Cocho, Gonzalo Iglesias Sueiro, Isaac Alonso, Xosé Lois Carreira, Xosé Antón Pérez, Rafael Laso ou María Xesús Pato. A biblioteca tamén conta cun soporte telemático para consultar información.

Te puede interesar