Homenaxe aos veciños de Randín pola súa solidaridade

Os feitos remóntanse ao pasado 22 de febreiro de 1944 cando, tal e como recordan dende a Asociación de Amigos do Couto Mixto,  estrelouse un avión na montaña

A Asociación de Amigos do Couto Mixto homenaxeará esta fin de semana, cun acto especial, o labor “xeneroso” e solidario que, nos anos 40, tiveron os veciños da parroquia de San Xoán de Randín. 

Os feitos remóntanse ao pasado 22 de febreiro de 1944 cando, tal e como recordan dende a Asociación de Amigos do Couto Mixto,  estrelouse un avión na montaña, concretamente, xunto ao marco da fronteira hispano lusa. Os veciños de San Xoán recibirán unha calurosa homenaxe co obxectivo de poñer en valor “a súa xenerosa colaboración”, pois, grazas a ela -recordan dende a asociación- “puidéronse trasladar os corpos sen vida dos tripulantes ao cemiterio municipal”. 

O acto especial terá lugar este mesmo sábado, día 7 de agosto, na Igrexa de San Xoán de Randín, e comezará a partir das 12,30 horas do mediodía. 

MARÍA DO CEO

A fadista María do Ceo, que xa participou como cantante noutros eventos organizados pola Asociación de Amigos do Couto Mixto e foi nomeada no 2010 xueza honorífica -ademáis de adaptar o seu himno-, actuará nesta sentida homenaxe. 

Dende a agrupación agradecen a presenza do público a este evento, aínda que piden que entre os asistentes se teñan en conta as medidas necesarias para a protección fronte á covid-19. 

Te puede interesar