O Inorde prepara os terreos para a semente de pataca

photo_camera Unha traballadora do Centro Agrogandeiro realiza as análises.
Dende o Centro Agrogandeiro de Xinzo estanse a realizar analíticas do solo para favorecer o cultivo

A campaña de semente de pataca xa arrancou en Ourense e, especialmente, na súa comarca produtora por excelencia: A Limia. O bo tempo favoreceu o inicio dos traballos durante a pasada Semana Santa en zonas como Vilaseca, Solveira ou Chamusiños, aínda que moitos produtores non remataron, polo momento, a preparación das terras para a plantación. 

Os técnicos do Centro Agrogandeiro de Xinzo -organismo que depende directamente do Inorde- traballan estes días para completar dito acondicionamento mediante a elaboración de analíticas sobre o solo que teñen por obxectivo detectar a presenza de patóxenos que poidan estragar as colleitas e, por extensión, afectar aos datos finais desta campaña de 2021/2022. 

Dende o Centro Agrogandeiro calificaron de "fundamental" a realización dunha analítica "que permita mellorar a rendibilidade das explotacións ao asegurar unha correcta fertilización e posibilitar unha maior produción e calidade, sen que isto supoña un prexuízo para o medio natural".

Nos laboratorios do centro limiao realízanse anualmente máis de 3.000 analíticas de solo e unha parte importante corresponde a zonas de cultivo de cereal e pataca da Limia. Neste senso e en relación ao cultivo da pataca, o laboratorio do Inorde completa anualmente preto de 1.700 analíticas de determinación de presencia na terra de cistes de Globodera, patóxeno que, segundo subliñaron dende o Inorde, "causa importantes perdas económicas neste cultivo" e no que o Centro Agrongandeiro é o único laboratorio acreditado pola Empresa Nacional de Acreditación no ámbito estatal para a súa determinación.

Te puede interesar