Investigan na Limia novos tipos de pataca

Recollida de mostras na finca Antela - 2
photo_camera Momento da recollida de mostras na Finca Antela.
Para esta finalidade desprazáronse ata a Finca Antela dous investigadores: Enrique Ritter e José Ignacio Ruiz de Galarreta. 

O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo, en colaboración co Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (Neiker), está a desenvolver na última década estudos e investigacións na liña de producir novas variedades de pataca. Para esta finalidade desprazáronse ata a Finca Antela dous investigadores -Enrique Ritter e José Ignacio Ruiz de Galarreta-. Trátase de dous profesionais importantes no mundo da investigación agrícola tanto a nivel nacional como mundial. 

Logo de recoller as mostras de campo, toca a partir deste momento desenvolver un importante traballo en almacén, onde se acometerán tarefas de calibrado e clasificación; asi como en laboratorio, lugar onde se traballará na análise de calidade. O obxectivo de ambos procedementos técnicos non é outro que o de extraer conclusións en relación á viabilidade das futuras variedades de pataca.

Tal e como explicaron dende o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo, esta de colaboración entre o Inorde e Neiker é unha das moitas que establece este organismo autónomo dependente da Deputación de Ourense para fomentar sinerxías entre os distintos centros de investigación e desenvolvemento agrario dentro de cada unha das singularidades que ofrecen os distintos territorios, co fin de impulsar protocolos de actuación conxuntos fronte a ameazas presentes e futuras.

Te puede interesar