REPORTAJE

Irmás, centenarias e residentes en Bresmaus

_centenarias_sarreaus_result
photo_camera Gracia Rodríguez, á esquerda, ten tres anos menos que Josefa, a súa irmá, con 103.

Moi poucos galegos terán a oportunidade de festexar o aniversario dunha irmá que acaba de chegar aos cen anos cando unha xa leva tres de vantaxe. Josefa Rodríguez asistiu, con 103, ó cumpreanos da súa veciña, en Sarreaus

Unha durísima competición é a que se está a vivir na agochada aldea de Bresmaus, en Sarreaus. Alí, nese pequeno recuncho da escasa montaña da chaira da Limia, ata o día 11 de setembro, Josefa Rodríguez Arcos, cos seus 103 tres anos -dende o 14 de xuño de 1914, "xa levo tempo por aquí"-, era quen de presumir ben ancha polas rúas da localidade desa ben levada lonxevidade. Sin embargo, nesa loita pola hexemonía, acabou por sumárselle a súa propia irmá Gracia, que deu conta, con non tanta saúde como a primeira, dunha nova centuria. Gracia está encamada, aqueixada dunha afección pulmonar, dende que festexou coa familia o primeiro dos vindeiros cen anos. 

Pola contra, quen si goza dunha saúde envexable é Josefa. Pouco máis dunha hora é bastante para dar fe de que chegar ata esa idade, a dos 103, aínda que ela apunta "a comer ben e beber máis, eu aínda lle bebo o meu vasiño de viño á comida" como as principais causas desa superación; é tamén froito dun destacado sentido do humor. Négase a ser retratada de novo -"mire, xa me fixeron o outro día a foto ca miña irmá, non insista, non se pode ir abusando así da xente", pero fala e resposta ao que se lle pregunta cunha lucidez despampanante: "Xa non lle vexo moito, e teño estas pernas que xa non me dan levado ata onde eu quero, pero voume movendo e facendo as miñas cousas", di con serenidade.

Non é estrano atopala baixo un sol de agosto revisando o horto, "ou sacando algunhas herbas, porque se non o fago eu non teño quen mo veña facer. Téñolle uns pimentos de padrón, quere uns poucos?". É aquí cando se lembra dun fillo "larpeiro, Francisco, que vive en Xunqueira e que vén case todos os domingos a xantar comigo e a levar as rosquiñas que lle preparo", acredita, entre as risas dunha das súas curmáns, a súa compañeira de tertulia nas tardes de sol na praza do alto do lugar de Bresmaus, Rosa Rodríguez, que ten  noventa anos.

 Quedou viúva hai máis de corenta, "o meu home foise pronto, menos mal que os meus fillos, os cinco, xa traballaban daquela, todos en Bilbao e incluso en Alemaña", lembra, e sitúa precisamente ese feito como "o peor que me aconteceu na vida, que foi cando me faltou a miña compañía. Na miña casa nunca se pasou fame, meu home e máis eu traballamos moito, pero él, que tiña un traballiño na vía cando chegou a Vilar de Barrio, axudaba a que as penurias non foran tantas". Non esconde o seu agradecemento "á casa da miña irmá Gracia, que foi quen me acolleu naqueles momentos cando quedei sen o home", sinala. 

Érguese cedo, "cara as nove, porque é a hora á que vén o pan e se non me levanto quedo sen el; xa non fago moito na casa porque teño a unha muller que me vén pola mañá que me manda o Concello e outra pola tarde, pero eu fágolle a miña comida, eeehhh... Porque eu, achaques, gracias a Dios non lle teño, e eso que xa me operei da cadeira, da gorxa e dun ollo. Agora arrimáronme estos graniños, que xa lle botei botica e non dan saído... e entón, pois hai que se conformar". Preguntada por se se vive mellor agora que nas décadas máis duras da recente historia, non ten dúbida: "Vivo moito mellor nesta época porque non teño que traballar".

Te puede interesar