O Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) O Viso de Sarreaus iniciará, coa colaboración da Asociación Diabética Auria, este mes un itinerario de actividades para a prevención da diabetes, obesidade e patoloxías asociadas nas aldeas de Laroá, Freixo, Boado, Lodoselo e Rebordachá.
Dende o proxecto Biocoidados, o CDR O Viso está a realizar un traballo de activación comunitaria e escoita activa neses cinco núcleos, “co obxectivo de escoitar a voz de quen vive no rural, saber como queren coidar e como queren ser coidados”, sinalan no centro.
Por iso, o equipo profesional de Auria vai contribuír con isto ensinando estratexias para adquirir hábitos saudables aos veciños do rural. As actividades organizaranse en catro sesións formativas e enmárcanse no proxecto “Veciñanza Saudable” de AUria, deseñadas para atender as diferentes dimensións da diabetes e da obesidade, como son a alimentación, a actividade física, a psicoloxía e a motivación.
Desta maneira, os asistentes as xornadas poderán adquirir coñecementos sobre educación en saúde, alimentación saudable para un peso saudable, activación do corpo e psicoloxía do hábito. As dúas primeiras sesións -xa programadas- serán os días 13 e 27 de xuño no local social de Laroá ás 17,00 horas. Dende o CDR O Viso informan de que co paso do tempo irán avisando das vindeiras datas.
Un proxecto que visualizan como “unha alianza que estamos alentando coa comunidade e o tecido asociativo da comarca, o que nos axudará a promover novos modelos de coidados”, conclúen dende O Viso.
As familias teñen unha cita o 16 de xuño en Lodoselo
O CDR O Viso xa ten todo listo para o seu tradicional Encontro de Familias, que se celebrará en Lodoselo o vindeiro 16 de xuño, ás 17,00 horas. Esta cita anual de convivencia entre maiores e pequenos busca a confraternización entre familias e o disfrute do entorno rural. Os interesados en participar nesta tradicional xornada deberán inscribirse, nas oficinas do centro de desenvolvemento rural ou a través do número 988 46 15 71, e facer unha achega de 5 euros por familia.