ENTREVISTA

Elixio Rivas: "A Limia ten unha gran riqueza arqueolóxica e debemos coidala"

Ourense 4/10/2017 fotos entrevista ELIGIO RIVAS
photo_camera Elixio Rivas Quintas ten 92 anos. (BELAY)

A de Elixio Rivas é unha desas vidas nutridas, completas, cheas de vivencias e recordos que darían para encher centos de libros de historia. Non fan falta máis de cinco minutos de entrevista para comprobar que, aos seus 92 anos, Elixio segue a ser un apaixoado da etnografía, a toponimia e a arqueoloxía galegas

Fillo de labradores, Elixio trocou os aperos do campo por libros e viaxes ao redor do mundo e, namorado da Limia, ao seu regreso dedicouse a indagar sobre a riqueza arqueolóxica da súa terra. A súa labor infatigable en todos os ámbitos destacados anteriormente fixeron que o padroado do Museo da Limia acordara concederlle o primeiro premio "Pedra Alta". 

Con que idade comezou a estudar?

Marchei aos 11 anos a estudar a Os Milagros. Foi, precisamente, un 11 de setembro de 1936, en plena Guerra Civil. Na contorna, por aquel entón, non había outro lugar para formarse. Despois estiven en Santander, no Colexio San Vicente de Paul de Limpias e completei a miña formación entre Murguía e Madrid. Sen embargo, con 17 anos, a falta de comida ocasionada polas guerras europeas, fixo que me puxera enfermo e tiven que voltar á Limia. Foi duro. 

Os seus pais tiveron os medios económicos necesarios para que puidese vostede estudar?

Non, non tiñan medios. O meu pai, que morreu cando eu tiña 14 anos, arranxouse para que eu puidera estudar nos Milagros, pero non foi doado. 

Vostede sempre tivo claro que non quería traballar no campo, que quería estudar?

Era algo que quería eu pero tamén o meu pai, que eu estudiara e que non vivira da terra, porque él tiña padecido moito nela. 

Cando se recuperou da súa enfermidade, que camiño tomou?

Solicitei ir á India. Quería participar nas misións que a Congregación dos Paules, da que formo parte, ten alí. Pero non estaba recuperado ao cen por cen para poder facelo así que marchei a Inglaterra a aprender o idioma. Permanecín alí nove anos e despois trasladeime a Cuba. Tiña 31 anos. 

Que fixo alí?

Son unhas razóns que non veñen ao caso. Mandáronnme para algo. Porque tiñamos e, aínda temos, casas na Habana. Fun no 55 e tiven que se saír en xuño de 61. 

Por que?

Eso habería que terllo preguntado  no seu momento a Fidel Castro. 

E que tal esa época na Habana, que recordos ten?

Bastante bos. Recordo que viñan moitos turistas de Brasil, Estados Unidos e Canadá. A nosa Igrexa da Habana tiña unhas pinturas moi bonitas e un dos motivos polos que viñan estes visitantes era, precisamente, para coñecelas. Durante o último ano da miña experiencia alí todo cambiou. Naquelas datas non podiamos saír nin da casa. Foi cando regresei á España, despois do triunfo da Revolución Cubana.

Cando regresou a España cal foi o seu destino?

Marín, en Pontevedra. Alí exercín como mestre durante 21 anos. Aquel foi un punto de inflexión na miña vida persoal e profesional, xa que me matriculei, por primeira vez, na Universidade de Santiago de Compostela. Tiña 45 anos. 

Vostede é dos que cren que nunca é tarde para formarse. 

Non, sempre estamos a tempo. Eu estaba ben preparado, pero non contaba con esa formalidade dos títulos. Decanteime por Filoloxía Románica. 

Por que escolleu esa formación?

Era a miña afición, sobre todo o campo da toponimia. A miña tese doutoral, de feito, tratou sobre a toponimia de Marín. Ao mesmo tempo escribín o libro "A Limia". Esta obra recibiu o II Premio Otero Pedrayo do ano 1980. Ten 775 páxinas que recollen a historia e a antropoloxía dende Xinzo ata Xunqueira de Espadañedo e dende a Serra de San Mamede ata a San Martiño de Pazó. Fíxen toda esta investigación andando e falando cos paisanos.

Cales foron as cousas máis chamativas da zona sobre as que estudou naquela época?

Teño estudos sobre palafitos que houbo na Lagoa de Antela, as mámoas, repartidas por toda a comarca, os castros e as medorras onde vivía a xente antigamente. A Civitas Limicorum, unha administración antiga que existiu en Nocelo da Pena e á que pertencía toda a contorna. Foi, precisamente, a que se trasladou a Xinzo na segunda parte do século II e principios do III. Cando se fixo o primeiro canal. 

Que particularidades ten A Limia?

Precisa dun libro enteiro. A Limia ten moitísima riqueza arqueolóxica anterior e posterior á época romana. Falo dos castelos, do Mosteiro de Trandeiras ou da Antela.  Na actualidade, estase descubrindo moito máis e desto falarei cando teña lugar o acto de entrega do premio no Museo da Limia. 

Cre que esta riqueza está valorizada do xeito que lle corresponde?

Non, non se ten valorizado como corresponde. As administracións actuais deberían involucrarse moito máis. Por exemplo, co Mosteiro de Trandeiras. En tempos foi mercado e non se desfixo, por sorte, grazas ao goberno que existía. Penso que se debería coidar con maior celo o noso patrimonio. 

Vostede ten moitos máis estudos de fóra da Limia. 

Si. Fixen o Léxico Rural de Galicia que son 25 libros onde se estuda a etnografía e a vida diaria da comunidade , incluida a Limia. As costumes, a fala, as prácticas, os fiadeiros, o entroido, as tarefas do campo, os muiños ou os fornos de cocer o pan, están recollidos neste traballo. 

Como valora este premio que lle outorga o Museo da Limia?

Quedo agradecido porque ao fin e o cabo aprecian o traballo que fixen. Noutros ámbitos nin o valoran nin parece que lle importe. Dende o Padroado quixeron ter un xesto de agradecemento e, persoalmente, estou moi satisfeito. 

Te puede interesar