Limiar propón un taller de cestería e de peza en tear

Durante a Semana Santa o Museo abrirá tódalas tardes, dende o luns día 11 ao 15 de abril, de 16,00 horas a 18,00 horas, e os días 16 e 17 manterase o horario habitual

A nova asociación de artesáns da comarca con sede en Vilar de Santos, Limiar -comezou a súa andaina a comezos do pasado decembro para crear, producir, investigar e estudar bens artesanais, velando pola difusión, conservación, innovación, defensa e promoción da artesanía galega- propón, neste próximo mes de abril, dous talleres formativos abertos á cidadanía: un deles sobre cestería e un segundo de peza en tear rectangular. Ambos obradoiros terán lugar na sede do Museo da Limia. 

Por unha banda, o curso de cestaría, impartido polo artesán Sergio Moreno Solana, desenvolverase todos os sábados do próximo mes de abril, en horario de tarde, de 16,00 horas a 18,00 horas, e terá un custo de 30 euros, no que se incluirán os materiais necesarios para o desenvolvemento da actividade.

Por outro lado, aínda que no mesmo horario, de 16,00 horas a 18,00 horas, dende o luns 11 ao 13 de abril e o sábado 16 do mes de abril impartirase o curso para cativos, denominado Peza en tear rectangular. A cota será de 20 euros para os asistentes empadroados en Vilar de Santos e 25 euros para o resto. Esta formación será impartida pola costureira, Mercedes Veitez Pérez.

Durante a Semana Santa o Museo abrirá tódalas tardes, dende o luns día 11 ao 15 de abril, de 16,00 horas a 18,00 horas, e os días 16 e 17 manterase o horario habitual, de 11,30 horas a 13,30 horas e de 16,00 horas a 18,00 horas. Os interesados poden inscribirse, chamando ao 617844097.

Te puede interesar