a limia

Limisi pide maior apoio ás distintas institucións

<p></p>
photo_camera Representantes da entidade mantiveron unha reunión co alcalde de Xinzo, Manuel López Casas (dereita).

Apuntan á existencia de convocatorias discriminatorias con entidades rurais

A Asociación de Diversidade Funcional Limisi, con sede en Xinzo, dirixiu un escrito a distintos cargos políticos galegos -entre eles ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ou ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco José Conde López- para criticar o feito de que as entidades sen ánimo de lucro do rural, como é o seu caso, "son desprezados pola política de altura". Neste senso, mostran o seu "desacordo" coa convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia pola que se aprobaron as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil a través do Programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro.

Dende Limisi aseguran que a convocatoria "é discriminatoria para entidades pequenas que temos que facer moitos números para ter os nosos servizos abertos".

Por outra banda subliñan que "non se están valorando nin a traxectoria nin os servizos que teñen en marcha estas entidade, xa que pódese dar o caso de que haxa unha entidade de ámbito municipal ou comarcal que conte con moitos máis servizos que unha de ámbito autonómico".

O grupo de goberno de Xinzo vén de mostrar o seu apoio á entidade e levará ao vindeiro pleno unha moción, co obxectivo de darlles un maior soporte a entidades socioeducativas como Limisi.

Te puede interesar