Máis de 500 persoas no Verán Cultural de Sandiás

photo_camera Unha das últimas actividades celebradas en Sandiás.
Cumpriron con todas as medidas preventivas que esixe o covid-19

O Verán Cultural de Sandiás puxo este venres o broche de ouro a unha tempada estival que, malia a situación de pandemia, tivo decenas de actividades culturais. Un esforzo realizado polo propio Concello, que contou coa colaboración doutros organismos supramunicipais públicos e tamén privados. Todas as iniciativas desenvolvéronse na Casa da Cultura do Concello, no Local Social, no polideportivo do Colexio de Sandiás e tamén no Centro de Interpretación da Lagoa de Antela. 

Segundo datos da Concellería de Cultura, no Verán Cultural 2020 participaron unhas 520 persoas, veciños e veciñas do Concello, dos municipios limítrofes e tamén doutras zonas de España e do estranxeiro. As actividades máis concorridas foron, segundo as mesmas fontes, as visitas á Casa da Lagoa, a Maxia na Torre do Castro e a Visita Guiada ao Pazo do Telleyro, con mais dun cento de persoas en cada unha delas -esta previsto que esta última actividade se repita nas vindeiras semanas xa que unhas 70 persoas quedaron sen poder visitar o pazo-. 

O resto dos actos celebrados no municipio sandianés ao longo destes meses foron a apertura da Biblioteca Municipal, o Concilia 2020 pola igualdade -un campamento de verán para construír a igualdade, o xogo seguro e sen violencia-, o Campus Baloncesco Salva Arco, no que o Concello de Sandiás foi un dos patrinadores oficiais ou Un lugar chamado mundo, un conto teatral musical.  Tamén a comedia teatral Quéroche un conto, a actividade Coa maxia en mente, os Contacontos pola igualdade, de Anxo Moure; Contacontos e pandereiteira con Lorena Pinheiro - historias contos e faladurías de vergoñas, silencios e rebeldías, recollidas na parroquia da narradora, acompañando as historias con música de pandeireta da súa avóa Saladina- e Contos vellos, novos finais, de Caxoto Contacontos. Un espectáculo no que os vellos contos atopan novos finais, e nos que a igualdade real é efectiva e non un conto de fadas. 

Todas as medidas 
As actuacións do Verán Cultural 2020 cumpriron con todas as medidas preventivas que esixe o covid-19: aforos limitados, inscrición previa, espazos sempre abertos, xel desinfectante, máscara obrigatoria e distancia social. Actividades tan senlleiras e de gran asistencia de público como a Andaina e Trail tiveron que suprimirse para preservar a saúde das potenciais persoas asistentes de moitos lugares da comarca e da provincia.

O Concello de Sandiás xa está a preparar o seu Outono Cultural con novas iniciativas e outras xa coñecidas como obradoiros de pintura, clases de ximnasia, exposicións, charlas e conferencias.

Te puede interesar