En marcha o Premio Carlos Casares de narración curta

Aqueles mozos e mozas que o desexen poderán concorrer ao premio cun relato inédito escrito en lingua galega. A temática será libre. 

A Concellería de Cultura de Xinzo promove, un ano máis e xa son seis, o Premio Carlos Casares de narración curta destinado a xóvenes de Educación Infantil ata Bacharelato. Por medio deste certame, enmarcado na conmemoración do Día das Letras Galegas, repartiranse preto de 2.000 euros en premios, máis concretamente, vales para mercar libros e material escolar nas librerías da vila. En total son sete as categorías convocadas -unha para os cursos de infantil, tres para os diferentes ciclos de primaria, dúas para os de secundaria e unha para os alumnos de bacharelato- e en cada unha escolleranse dous vencedores. 

Aqueles mozos e mozas que o desexen poderán concorrer ao premio cun relato inédito escrito en lingua galega. A temática, neste senso, será libre. 

Os relatos poderán ser enviados, antes de que remate o prazo establecido para facelo -o vindeiro seis de maio- ao enderezo de correo electrónico [email protected], incluíndo en dito correo o título da obra e os datos do autor, acompañados dun teléfono ou mail de contacto. 

Por outra banda, os traballos tamén poderán ser entregados en formato físico na propia Casa da Cultura de Xinzo ou nos diferentes centros escolares de Xinzo. Neste caso deberán presentarse nun sobre grande no que figure por fóra tan só o título da obra. No seu interior, ademais do texto orixinal, deberá aparecer outro sobre pequeno que conterá, así mesmo, o título da obra e os datos do autor.

Te puede interesar