En marcha un proxecto para as beiras do Limia

visita
photo_camera A alcaldesa, á dereita, xunto aos técnicos da Confederación na ponte do río Limia.

Trátase de que Xinzo volva a “vivir de cara ao río”, din dende o Concello

Logo dunha xuntanza sobre o terreo entre a rexedora de Xinzo, Elvira Lama, e técnicos da Confederación Hidrográfica do Miño Sil -na que tamén participou o arquitecto municipal, Rafael Nogueiras- o Concello informou sobre a colaboración entre ambas entidades para elaborar un novo proxecto que contribúa a revitalizar o entorno do río Limia para que a vila volva a vivir de cara a el. 

Entre outros aspectos, as propostas incluidas neste plan pasarían pola creación de carrís bici tanto na marxe dereita, como á esquerda do caudal. As melloras completaríanse cun acondicionamento do firme. O tramo en cuestión estaría comprendido entre a ponte da rúa Sitibal e a da estrada de Baltar, tal e como matizaron dende o Consitorio. 

Na xuntanza de traballo, Elvira Lama solicitou aos técnicos do organismo de cunca “unha solución” para os problemas de “verquidos” existentes nas inmediacións do antigo matadoiro e no entorno das instalacións deportivas.

Esta nova intervención sumaríase á xa contemplada ampliación do paseo fluvial do río Limia entre a ponte de Lamas e a estrada de Baltar. 

Por último, o proxecto do Concello de Xinzo de Limia e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para levar a cabo as obras de demolición da presa de Gudín no río Faramontaos -asinouse un convenio de colaboración entre ambas entidades o pasado mes de abril- continúa o seu curso, segundo fontes municipais, e buscará mellorar a o paso do río Limia no transcurso polo núcleo limiao. Con  este proxecto, aseguran dende o Consistorio, “recuperarase a conectividade ecolóxica do río” que impide “este obstáculo transversal, sen uso e nocivo para o ecosistema”.

Te puede interesar