tribuna

María e Salud en Mosteiro de Ribeira

Paz e Lieté Gonzales del Valle asistiron emocionados ó traballo de  prospección da busca dos restos da súa avoa María del Valle

Levada ó cárcere de Bande foi secuestrada xunto con Salud Torres para seren asesiñadas no camiño a Xinzo de Limia o 29 de outubro de 1937. Cóntannos no lugar de Mosteiro que coñecido o feito polo  alcade pedáneo, mandou  ir buscalas á Lomba de Lamas. Foi alí  Serafín Bugallal, que tiña un carro de mulas para transportar o viño, e mentres un vixilaba , el cargou os dous corpos - un deles con algunha amputación xa-. Ó chegar ó pobo de Mosteiro, os nenos perseguían o carro, impresionados polo que alí vían. A señora Berta de 95 anos era un deses cativos e lembraba a impresión que aínda hoxe lle queda. Ó chegar ó cemeterio Manuel Carradelo enterrounas diante da igrexa, fixo un leito de palla e cubriunas. Despois botoulles terra.

Ó longo de tres días dun xullo de fogo, os voluntarios da ARMH, metidos nos foxos de terra non conseguiron atopar entre centenares de restos óseos esnaquizados os corpos das dúas vítimas. Era en realidade un osario polo que non quedou rastro das dúas mulleres.

Mentres traballaba o equipo,  moitos amigos  acompañaron á  netos e bisnetos,  e baixo o sol foron escoitando os sucedidos desta familia: María del Valle fora levada da casa por protestar polo asasinato  do seu fillo Manuel o 11 de agosto de 1936 no convento de San Francisco de Ourense. Protestar porque levaran ó seu fillo foi a súa perdición, levárona a ela tamén. María, una muller valente que vivira en Cuba e tiña unha posición económica e cultural moi importante, non podía quedar parada ante o horrror que tivo que presenciar. Outras acabaron tolas ou mudas para sempre. 

María tivera oito fillos: Ernesto, María Rosa, Mercedes, Ricardo, Blanca, Ester, Pilar, Manuel e Luis. A Ricardo con pouco máis de vinte anos tamén o mataron despois  en Valencia , desque pasara a guerra,  á que fora polo bando nacional, e a mans dun falanxista.

María no cárcere de Bande escribiu emocionadas cartas ós fillos organizando a casa e os enseres preocupada pola situación na que quedaban. Unha fermosa caligrafía da carta de setembro do 1937 tornouse desfiachada un mes despois, 10 días antes de ser secuestrada e asasinada. Quédalle á familia este derradeiro testemuño. 

Despois de ser secuestrada  do cárcere a familia buscou ansiosamente á súa nai. Uns días despois unha nota anónima indicoulles que estaba morta  e que o seu corpo estaba en Mosteiro.

Dende aquela non deixaron de loitar

Desque a ARMH se fixo cargo deste caso a traves do investigador José  Cabañas sabemos que resultou ser un camiño con moitas pedras. Atrancos burocráticos para ralentizar o traballo, un documento e despois outro, unha sinatura  que non pode ser feita, outro informe porque se vai mover unha pedra que din que é dun século que non é, un informe que foi levado onde non debía, e así meses e meses: a Igrexa, a Xunta, Patrimonio….. nun cemeterio con sepulturas modernas de granito pulido que ninguén controlou e na que se cavou modernamente sacando da terra os corpos que alí había sen que ningunha institución puxera reparo á desfeita. 

Mentres, ós homes e mulleres que traballan con paliñas e pinceis para recuperar os corpos con humanidade e respecto, máis e máis atrancos

Tampouco foi doado coa veciñanza. Seguramente algún lles recomendara non dicir ou contar un relato manipulado. Unha reunión a través de boa xente que intercedeu -acompañados da familia- cos veciños de Mosteiro  permitiu que se puidera entender o labor que se ía facer no cemeterio.

Despois, durante os traballos, algúns veciños atreveron a achegarse -algún timidamente- e tamén nos contaron cousas.

Cada traballo de exhumación saca á luz unha historia de horror, é tamén un relato  de outros sucedidos traumáticos, un espazo de palabra que racha co silencio.

E contáronnos como asasinaron ó mestre de Mosteiro que estaba refuxiado na casa ó lado da igrexa e como a súa muller foi levarlles 3.000 pesetas ós falanxistas para que non o asasinaran e quedaron cos cartos e devolveron un cadáver,  e máis historias tristes. 

Mentres, na prospección, a familia contou tamén e compartiu con todos ánimo e folgos. 

A historia de  María, morta con 49 anos, muller  valente é tamén a de tantos que foron asasinados para impedir que as xentes deste país foran como ela, libre e culta.

Como nos di Claudio Rodríguez Fer: eran o leite nutricio /e as mazás da vida /no tempo do leite ardendo gasolina /e da mazá con hemorraxia interna /ninguén puido comprendelo /na Lomba de Lamas. 

Seguimos sen comprendelo.

Te puede interesar