Martín Rivas: “En Tosende ao labrar as leiras descubrían pezas arqueolóxicas”

IMG-20210929-WA0008 (1)
photo_camera O arqueólogo Martín Rivas Vázquez.
Martín Rivas dirixe a primeira intervención arqueolóxica do concello de Baltar xunto ao seu compañeiro, Juan Galiña, director científico do proxecto, quen está facendo á súa vez unha tese de doutoramento sobre o Val do Salas na Universidade de Vigo. A iniciativa conta co respaldo do propio Concello de Baltar, que acometeu a limpeza da zona, e da Consellería de Política Social, e estase centrando no Santo Vello, en Tosende, onde xa se identificaron ruinas dunha antiga igrexa e unha tumba antropomorfa. 

Como xurdiu este proxecto de investigación no Santo Vello?
Foi Juan quen nos ensinou esta zona e quedamos marabillados co sitio e o entorno. Comezamos a falar cos veciños e eles nos contaron moitas historias sobre o lugar. 

O feito de que nunca se fixera unha prospección arqueolóxica facíao máis interesante?

Si, en Baltar en xeral nunca houbo unha intervención arqueolóxica. 

Tamén queren involucrar nela aos veciños.

A nosa idea tamén é contar con eles e amosarlles o noso traballo. Chamámoslle a esto “Aberto por obras”, porque queremos que se acheguen ata a nosa zona de traballo e poder integrar así o patrimonio dentro da poboación. Non queremos facer algo pechado, se alguén quere colaborar nós estamos encantados. Tamén faremos varios artigos co resultado da intervención para axudar a entender de que xeito se desenvolveu a Alta Idade Media no interior de Galicia. A costa está máis estudada que o interior, onde está case todo por descubrir. 

Segundo os primeiros achados, de que se trata o Santo Vello de Tosende?

Estamos a falar dun antigo pobo ou asentamento, que tería de todo: a súa propia igrexa, o seu cemiterio, onde se deu a casualidade de que nós fixemos os sondeos; e cerámica de uso cotiá.  Segundo algúns arquivos que manexa Juan, trataríase do pobo de San Andrao e que hoxe en día é Tosende, de aí que lle chamen o Santo Vello. 

Os veciños coñecen esta historia?

Nunca fixeron unha intervención arqueolóxica, pero realmente saben que alí estaba un antigo pobo. Tal e como nos saíron a nós muíños, parte dunha columna ou unha ficha, por exemplo, pois eles cando labraban as leiras pois tamén lle saían diferentes elementos. 

Cal é a datación do xacemento?

É da Alta Idade Media, nós calculamos que podería ser do século oito, aínda que estamos pendentes das análises dalgunhas pezas. Outra forma que temos de saber a datación é mediante a cerámica: sairon centos de fragmentos. Tamén apareceron tellas romanas, polo que podemos estar falando dun asentamento que tivo unha vida bastante prolongada no tempo. 

Sobre que superficie están traballando?

Fixemos dous sondeos de tres por dous metros, pero esto non supón nin o un por cento de todo o xacemento. 

Continuarán co proxecto en futuras campañas?

Queremos facelo. Estamos falando dunha vila bastante grande, cunha densidade de poboación moi elevada e dun xacemento con bastante potencial. Traballábase moitísimo a minería e constan vías de comunicación moi ben traballadas. Era un pobo grande e rico.

Te puede interesar