agro

A Limia espera recoller 125 millóns de quilos de pataca

uploaded_angeles_result
photo_camera A consellería de Medio Rural, Ángeles Vázquez, onte na comarca da Limia

A conselleira Ángeles Vázquez destacou a calidade e o excelente estado no aspecto fitosanitario

En torno a un 30% da pataca na comarca da Limia xa está recollida e tamén un 70% pertencente á IXP (Indicación Xeográfica Protexida). Está previsto que os traballos rematen entre a próxima semana e principios de outubro, segundo trasladaron os portavoces do consello regulador. Respecto á produción, espérase recoller arredor de 125 millóns de quilos de pataca na zona, das que 8,5 ou 9 millóns están amparadas pola IXP. 

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, realizou onte unha visita ao Concello de Xinzo para comprobar a marcha da colleita, que está a ter moi bos resultados tanto en calidade como en cantidade. “E cómpre destacar tamén o excelente estado no aspecto fitosanitario, xa que non houbo pragas nin enfermidades”, sinalou a conselleira na sede da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, que coñeceu acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

A conselleira visitou varias industrias relacionadas con esta produción: dunha banda, a planta de envasado e distribución Patatas Conde na finca Devesa, unha sociedade limitada que conta con distintas naves en Xinzo, e tamén a empresa Patatas Guays no lugar de Piñeira Seca, unha empresa de carácter familiar con catro traballadores, que elabora patacas fritidas. Ángeles Vázquez felicitou a ambas compañías pola súa aposta pola elaboración e transformación, que contribúen a revalorizar un produto xa de por si recoñecido polos consumidores de dentro e fóra de Galicia.

A titular de Medio Rural aproveitou a súa presenza na comarca da Limia para coñecer a produtores de pataca. Así, visitou as plantacións dun particular que conta con ata 14 hectáreas de superficie cultivada e que está en pleno proceso de recollida. A conselleria puido comprobar de primeira man o bo estado da produción deste ano, segundo ela mesma destacou.

O único laboratorio acreditado 

Ángeles Vázquez apelou á importancia de seguir loitando por promocionar este produto tan importante na comarca de Xinzo de Limia e destacou o traballo que está a levar a cabo o seu Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, non só para a súa comercialización, senón tamén á hora de manter os máximos niveis de calidade do produto a través de controis e para aglutinar ao sector. Nesta liña, Ángeles Vázquez coñeceu tamén o laboratorio da IXP, o único acreditado en todo o ámbito de España e onde se realizan todo tipo de probas e controis para garantir a excelencia na produción. A conselleira realizou un percorrido polas as instalacións, sobre as que lle foron informando os responsables do consello regulador. Tanto a titular de Medio Rural como produtores e encargados do control de calidade coincidiron en valorar en gran medida a colleita de pataca deste ano. 

Te puede interesar