CONFERENCIAPAU

Mozos europeos analizan en Vilar de Santos o rol da muller

<p></p>
photo_camera Un grupo de participantes no encontro da mocidade europea no Museo da Limia de Vilar de Santos.

Hoxe conclúe o terceiro encontro internacional de mozos e mozas promovido por Bolboretas Vermellas

Bolboretas Vermellas conclúe hoxe cun almorzo de despedida a terceira edición do seu encontro internacional de mozos e mozas que comezou o pasado domingo, 16 de setembro, e que reuniu no concello limiao a 25 xóvenes procedentes de distintos países como Italia, Grecia ou Portugal. Os participantes pernoctaron no albergue de Vilar de Santos durante toda a semana e asistiron a diferentes actividades promovidas dende a asociación anfitrioa baixo o lema "Rural women to power".

A agrupación limiá conseguiu, por terceiro ano consecutivo, unha subvención de máis de 11.000 euros do programa Erasmus Plus e desenvolveu varias xornadas encamiñadas a potenciar e dar a coñecer o papel da muller no rural a estes mozos estranxeiros, así como as potencialidades e costumes ourensáns. "Tanto para nós, como para a xente que veu, foi unha experiencia moi positiva", explica Sandra González, voceira de Bolboretas Vermellas. "Algo que lles encantou especialmente foi a foliada de Rebulir, tamén outros lugares de Ourense como as Termas e localidades que visitamos como foi o caso de Celanova", engadiu.

Pero, sen dúbida, o que máis cautivou aos mozos e mozas que participaron nos distintos obradoiros propostos por Bolboretas foi o modo de vida do rural ourensán e desmitificar o feito de nos pobos de Galicia, tan só se viva da agricultura e da gandeiría. "Para eles foi moi sorprendente comprobar que no rural hai moitas máis cousas que granxas", apuntou Sandra. "Celebramos unha mesa redonda á que asistiron representantes de empresas deste entorno e de diferentes sectores como ocio e o tempo libre ou producción de mermelada, e alucinaron", engadiu.

Segundo a portavoz de Bolboretas está previsto, de volver a conseguir o apoio económico necesario, repetir a experiencia de cara ao ano que vén. Os participantes emprenderán hoxe o camiño de regreso.


Semana chea de actividades e de ocio


O encontro comezou o día 16 cunha recepción e unha cea ao estilo galego, para rematar cun obradoiro de risoterapia. O primeiro que coñeceron os mozos e mozas de Grecia, Portugal e Italia foi a localidade de Vilar de Santos, unha primeira toma de contacto que completaron cun roteiro polo Ruxidoiro e polo Museo da Limia. A primeira mesa redonda, que tivo lugar o martes, versou sobre o papel da muller no rural italiano, portugués e grego. As seguintes trataron o ámbito das mulleres emprendedoras, productoras locais e traballadoras do entorno. Diferentes xeracións tamén contaron a súa experiencia vivindo no rural ourensán. As xornadas concluían con ceas, xogos e danzas típicas dos países visitantes. Tamén houbo tempo para as viaxes pola provincia: os xóvenes visitaron as termas de Outariz, Ourense ou Celanova. 

Te puede interesar