CULTURA

O Museo da Limia celebra con novas pezas o 20 aniversario

<p></p>
photo_camera Os veciños disfrutaron da xornada de portas abertas para coñecer as novas pezas do museo.

Un cadro do artista limego Xosé Lois Carreira e unha máquina de mallar incorporáronse á mostra

Co gallo do 20 aniversario do Museo Etnolóxico da Limia leváronse a cabo os pasados meses diversas actividades e, como broche final, onte organizou unha xornada de portas abertas para presentar as novas pezas da mostra.

A primeira obra que se mostrou ao público foi o retrato que o artista limiao Xosé Lois Carreira pintou de Xaquín Lorenzo, "O Xocas". O cadro está situado na sala do liño, que leva o nome do etnógrafo. O autor, Xosé Lois Carreira, sinala que no lenzo se "xoga con motivos como a figura del, a etnografía, a pedra alta e a Limia". O cadro fora feito no 2004 con motivo da dedicación do Día das Letras Galegas ao "Xocas" e agora o artista decidiu doalo ao Museo da Limia para así contribuir co espazo comunitario.

A outra gran protagonista da xornada foi unha máquina de mallar que data da primeira metade do século XX. Trátase da doazón duns veciños que completa a colección dedicada ao proceso do pan.

Xosé Antón Jardón, colaborador do museo, indica que "no caso da Limia a malla era, ademais dun labor de subsistencia, unha actividade comunitaria, con compoñente social". Esta máquina substituíu en tempos ao mallo. Dito avance foi moi significativo para a zona da Limia, na que o pan era "un símbolo do substento da vida". O colaborador conclúe dicindo que "era imprescindíble contar con esta peza nun museo etnográfico da Limia, xa que esta zona era unha das bases dos cereais de Galicia".

Durante este ano, con motivo da celebración dos 20 anos do Museo na Reitoral de Vilar de Santos, organizáronse diversas actividades. Comba Campoi deu unhas conferencias sobre "O Barriga Verde", proxectáronse documentais como "Cesteando", realizouse unha exposición sobre os ríos de Galicia e norte de Portugal, acolleron ás "Conversas na Taberna" e contaron coa actuación de Mini e Mero.

Adré Taboada, traballador do museo, entende que este "ten que ser tamén algo vivo" e por iso está aberto a iniciativas e actividades actuais de persoas vinculadas á Limia.

O alcalde de Vilar de Santos, Xoán Xosé Jardón, explica que "o museo vaise facendo grazas ás doazóns" e que se segue traballando a día de hoxe en novas cesións. Indica que se trata dun "espazo de memoria porque di de onde vimos e o que foi a Limia". Ademais, afirma que está acollendo a "moita xente, sobre todo nova, de moitos lugares de Galicia" e valora positivamente o balance deste ano.

Actualmente, o complexo conta con sete salas dedicadas á existencia da lagoa de Antela, aos oficios que predominaban antigamente na contorna, á distribución da casa limega tradicional, á influenza que historicamente exerceu o clero na sociedade e ás feiras, tendas e tabernas típicas da contorna.

Te puede interesar