O Museo da Limia renderá homenaxe a Antón Tovar no centenario do seu nacemento

undefined
photo_camera Antón Tovar, escritor limiao. (Foto: cedida polo Padroado do Museo da Limia)
O vindeiro mes de outubro cumpriranse os cen anos do nacemento do autor de Rairiz de Veiga

O Padroado do Museo da Limia celebrará unha programación especial polos cen anos do nacemento do escritor natural de Rairiz de Veiga, Antón Tovar (A Pereira, 26 de outubro de 1921). “É unha magnífica ocasión para promover a difusión e o coñecemento da súa obra e para tributarlle a homenaxe pública da que é merecente o escritor”, afirman dende o Padroado de Vilar de Santos. 

Durante o que resta do 2021 e ao longo do vindeiro 2022 desenvolveranse unha serie de iniciativas encamiñadas a potenciar a obra do propio Tovar e a coordinar unha campaña coa finalidade de que a Real Academia Galega adique o Día das Letras Galegas do ano 22 ao poeta da Pereira, unha reivindicación que xa se levou aos plenarios do concello natal do escritor -Rairiz de Veiga- e de municipios limítrofes como Xinzo de Limia: “Sería un bo ano para que así sexa, coincidindo en parte co aniversario do seu nacemento pero, se non é agora, terá que ser nalgún momento”, asegurou o presidente do Padroado do Museo da Limia, Delfín Caseiro.

Para levar a cabo a programación especial, involucrarase ás institucións públicas da Limia, así como aos centros educativos e asociacións culturais da zona. 

Entre outras accións, levarase a cabo unha campaña de difusión nas redes sociais na que participarán os nenos e nenas do Colexio Carlos Cid Arregui recitando fragmentos da obra do propio Tovar e que serán difundidos en vídeo. Do mesmo xeito, escolares do resto da comarca limiá poñerán voz a unha serie de textos -tanto publicados, como inéditos- do escritor de Rairiz. Tamén se celebrarán conferencias por parte dos estudosos da obra do poeta, así como mesas redondas coa participación de analistas. 

Por outra banda, autores da Biblioteca da Limia elaborarán textos “evocadores” do poeta e da súa obra para ser publicados na páxina web do propio museo. 

Haberá, por último, actuacións musicais e exposicións de libros, manuscritos, fotos e obxectos vencellados ao autor. “Será unha liña de actividades que irán paralelas a outras que faremos no museo”, puntualizou Antón Jardón, coordinador, que asegurou que a reapertura da mostra de Vilar de Santos podería producirse coa celebración do Día das Letras Galegas neste mes de maio.

Para Delfín Caseiro, “o que máis se significa da creación de Antón Tovar é esa capacidade introspectiva, esa procura de si mesmo e da súa identidade. Tamén a capacidade para expresalo de maneira poética”, apuntou. “Empregou unha lingua que presenta moitos elementos característicos e singulares da zona . Na poesía de Tovar perduran as vivencias da infancia  e o rexistro lingüístico desa época: aprendeu galego na Limia”.

Te puede interesar