Músicos limiaos actuarán co gallo do Día da Constitución

Os mozos interpretarán, o ano no que se conmemora o 44 aniversario da normativa suprema do ordeamento xurídico español, coñecidos temas de Bach, Mendelssohn ou Piazzola.

Músicos do Conservatorio de Música de Xinzo amosarán o seu talento co gallo do Día da Constitución hoxe martes. Será no acto de entrega de premios da terceira edición do concurso que escolle a aqueles nenos e nenas que mellor plasmen en debuxos ou escritos a súa visión sobre a democracia. O acto institucional, que tamén contará coa presenza da alcaldesa limiá, Elvira Lama; celebrarase no Auditorio Municipal de Ourense, a partir das 12,00 horas desta mañá. 

Os mozos interpretarán, o ano no que se conmemora o 44 aniversario da normativa suprema do ordeamento xurídico español, coñecidos temas de Bach, Mendelssohn ou Piazzola. Ademais, unha trintena de músicos e un total de 19 coristas, acompañados de seis profesores, interpretarán o Himno de Galicia, así como tamén o Himno Nacional de España. Os músicos limiaos tamén contarán nas súas interpretacións coa colaboración de integrantes da Escola Municipal de Gaitas e Percusión da vila limiá. 

Máis en concreto e segundo se recolle no programa elaborado para este acto, Eugenia Álvarez, Claudia Opazo e Lucia Xiao interpretarán Aria de la Suite para orquestra N3 en Re Mayor, de Johann Sebastian Bach. 

Pola súa banda, Carla Bolaño, María Estévez e Sara Ferreiro tocarán Koncertstücke N2 Op. 114 1er movemento, de Mendelssohn, e, por último, Lucía Xiao e Lucía Rodríguez ofrecerán aos asistentes ao Auditorio Municipal, Oblivion, do compositor Astor Piazzolla.

Te puede interesar