Noemí Vázquez: “Se algún día pecha a Arca quero deixar o recordo de todo o que fixemos"

Ourense. 09/04/2021. Entrevista a Noemí Vázquez (Noe) da Arca da Noe, polo novo proxecto musical da Arca da Noe.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera A xerente da Arca da Noe, Noemí Vázquez. (Foto: Xesús Fariñas)
Noemí Vázquez, xerente da Arca da Noe de Vilar de Santos e dinamizadora cultural na Limia, promoverá o lanzamento dun libro-CD con novas composicións e versións no que colaborarán medio centenar de cantautores e grupos que, ao longo dos sete últimos anos, actuaron na famosa sala de concertos limiá.

"Oceanoe. Travessía polo Mar das Antelas" será unha viaxe imaxinaria en barco pola Lagoa de Antela que percorrerá lugares senlleiros da comarca. 
 

O proxecto mestura literatura, música e audiovisual. 

Si. O conto que escribirán Irene Veiga e Xico Paradelo será unha viaxe da Arca pola Lagoa de Antela e, nas diferentes paradas, gravarase un videoclip. Serán, en total, 15 temas. 

Máis de 50 músicos colaborarán co proxecto: unha gran familia. 

Si, de feito, en cada parada que fará a Arca estarán músicos que xa actuaron na sala de concertos e que para nós son moi especiais. Hai moitos máis, claro está, pero non entran todos. 

Promocionarán, ademais, a comarca da Limia e os seus lugares máis emblemáticos.

Si porque a Arca "achegarase" a municipios e sitios estratéxicos e bonitos da Limia. 

Xa comezaron coas gravacións?  

Así é, de feito, xa fixemos un videoclip na Torre de Pena e outro no río de Piñeira de Arcos. Neste último tamén se miraba a Torre do Castro. Estaremos en Porqueira e na súa fervenza. A seguinte gravación será o vindeiro 1 de maio. 

Que músicos ou grupos participarán?

Xa estiveron gravando Magdalena Gamallo e Héctor Lorenzo. Contaremos con Belém Tajes, O Leo, Uxía, Luis Pastor, Lourdes Guerra, Brais Morán, a Banda da Loba ... É xente que se coñece, ou non. Imos mesturando. 

Quen leva a cabo todo o proceso de sonido e o audiovisual?

Da gravación do audio estase encargando Serxio Tannus, que foi guitarrista de Uxía. É un "crack" da guitarra e agora montou un estudo de gravación. Por outra banda, os vídeos os está facendo Lucía Cortiñas. Ela é percusionista e estudou Audiovisuais. 

Iniciaron unha campaña de mecenado para poder financiar o proxecto. 

Si, de feito, nun día acadamos xa o 20 por cento. Non todos os proxectos o conseguen. O obxectivo son 15.000 euros e, nun día, chegamos aos 3.000 euros. Está moi ben a verdade. Os fondos destinaranse á edición do libro, ás gravacións e ao pago dos músicos que participarán.

Que foi o que a motivou a embarcarse neste proxecto?

Coa pandemia e a difícil situación que se produciu despois dinme conta de que, se nalgún momento a Arca desaparecía, pechaba as súas portas, quería ter algo físico, algo que quedase para poder recordar o que fixemos durante sete anos: facer concertos nunha aldea de menos de 700 veciños. 

Non so concertos... 

Non. Tamén mercados, exposicións... Visibilizamos o rural. 

Pero A Arca da Noe non vai a desaparecer... 

Non, ¡de momento non! ¡Eu agardo que non! (Risas) Pero naquel momento foi o que se me pasou pola cabeza. ¡Tamén quería navegar!

Recuperaron xa os concertos? 

Si, mais ou menos dende Semana Santa. Temos todas as medidas de seguridade, moita ventilación e aforo para 25 persoas. Durante todo este tempo tamén fixemos actividades de xeito "online". 

Como se plantexa o futuro? 

Temos pensado empregar o espazo Carabuñas, para público reducido e ao aire libre.

Te puede interesar