Exposición

"Nós naceu en Ourense" chega a Xinzo de Limia

A mostra, que se ubicará na Praza Maior, será inaugurada hoxe ás 12,00 horas

Logo da súa inauguración en Ourense, o pasado mes de outubro, a mostra "Nós naceu en Ourense hai cen anos" fará parada en Xinzo de Limia e, concretamente, nun punto estratéxico de paso e vida dos cidadáns desta vila: a Praza Maior. Durante varios días, os limiaos terán a posibilidade de coñecer mediante imaxes, textos, datos históricos e ilustracións plasmadas nun conxunto de nove cubos, a historia da Xeración Nós e da súa publicación, que vén de cumprir un século de vida, motivo polo cal a xornalista e escritora Maribel Outeiriño impulsou esta exposición -organizada por La Región, e que conta co patrocionio da Xunta de Galicia, a Diputación de Ourense e Coren- que tamén achegará a cultura galega e o importante papel de Ourense neste senso a outros municipios como O Carballiño, Allariz, Verín, Ribadavia, O Barco de Valdeorras e Barbadás. 

Varios técnicos ultimaron a colocación da mostra no centro de Xinzo no día de onte, e hoxe martes, ás 12,00 horas, quedará inaugurada de xeito oficial. 

A rexedora de Xinzo, Elvira Lama asegurou que "os máis insignes escritores de Ourense publicaban nesa revista para reivindicar a cultura galega e o noso idioma. Nós cremos que é unha mostra importante de cara a que os veciños de Xinzo poidan coñecela. Tamén invitamos aos Colexios, mediante unha carta, a que se acheguen a visitala".

Te puede interesar