A Limia

Tres novos xuíces velan pola memoria do Couto Mixto, en Rubiás

A Limia

A LIMIA

Tres novos xuíces velan pola memoria do Couto Mixto, en Rubiás

Numerosas persoas acudiron onte a conmemoración dunha nova edición da designación de novos xuíces do Couto Mixto na igrexa de Santiago de Rubiás

Numerosas persoas acudiron onte a conmemoración dunha nova edición da designación de novos xuíces do Couto Mixto, na igrexa de Santiago de Rubiás, no Concello ourensán de Calvos de Randín; un acto de fondas raíces que rememora a peculiar situación xurídica dun territorio comprendido entre ese municipio e o de Baltar, ata que a finais do século XIX, o Couto Mixto quedou baixo a plena xurisdicción do Estado español, perdendo a súa autonomía.

Durante a celebración de onte, como é tradición, os "homes de acordo" abriron a arca que simboliza o Couto Mixto coas tres chaves datadas do século XV para depositar a documentación xerada no último ano sobre este territorio. A continuación, os xuíces honorarios tomaron os atributos que se lles entregaron para facer oficial o seu nomeamento. Este 2014 o recoñecemento chegoulle ao traballo institucional do Eixo Atlántico e da Escola Superior Universitaria Gallaecia así como ao arqueólogo ourensán Xosé María Eguileta Franco.

Para amenizar a homenaxe, contouse coa actuación da fadista María do Ceo, que en si mesma reúne moitas das condicións e os símbolos do Couto Mixto: é unha cantante galego-portuguesa e, no seu día, xa foi recoñecida tamén co título de xuíz que se concede cada ano.

Os alcaldes de Calvos de Randín, Aquilino Valencia, e de Baltar, José Antonio Feijóo, así como o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, acudiron á celebración que lembra a autonomía da que disfrutou este territorio dende o século XII ata a firma do Tratado de Lisboa en 1864. O Couto Mixto contaba cunha serie de privilexios e dereitos especiais entre os que destaca o referido á participación política, na que existía a acción popular directa e a posibilidade de cambiar aos representantes electos por parte dos electores en caso dun mal cumprimento no desempeño das funcións que posuían, unha forma de vivir que desperta a envexa na sociedade actual.

Comentarios