SOLIDARIDADE

Obradoiro solidario de calceta en Vilar de Santos

vilar_de_santos_tece_result
photo_camera Varias mulleres participantes no obradoiro solidario de calceta que se celebra en Vilar de Santos.

Vinte mulleres tecen unha peza para cubrir a fonte da Praza do Concello

O vindeiro venres día 11, clausúrase o obradoiro de calceta "Tecendo polo cambio". Trátase dunha actividade na que mulleres de todas as idades se reúnen no Centro de Día do municipio limián de Vilar de Santos para compóren, en colectivo, unha peza de calceta que será colocada na fonte da Praza do Concello, "a modo reivindicativo".

O taller, segundo explica Tamara, coordinadora do proxecto e traballadora social do concello, "está organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en convenio co consistorio".

Entre 15 e 20 foron as mulleres que durante os últimos venres atenderon á "Tecedora de Lousame" e a diversos visitantes cos que procuran reflexionar cos asistentes arredor de temas como a cooperación internacional e a igualdade de xénero. Na última xornada contaron coa participación de Ana López Freitas, voluntaria da ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, con quen debateron sobre o comercio xusto e o consumo responsable.

Ao acto de clausura, que se celebrará na Praza do Concello a partires das 12,00 horas, están convidados todos aqueles veciños e visitantes que se queiran achegar e presenciar o que Tamara define como "acto reivindicativo de yarn bombing" consistente na colocación da peza rematada cubrindo a fonte máis importate da vila limiá.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación de carácter municipalista que xurdiu a finais dos 90 como expresión institucional da "crecente sensibilidade cidadá". Agrupa a Concellos e Deputacións de toda Galicia, unidos pola preocupación común de levar adiante iniciativas na defensa dos Dereitos Humanos cos países menos desenvolvidos ou máis empobrecidos. 

Te puede interesar