politica

O orzamento de Vilar de Santos aumenta un 12% en este 2019

A maior partida, de 505.855 euros, destinarase neste exercicio económico a investimentos públicos 

Vilar de Santos incrementará o seu orzamento para este 2019 nun 12 por cento con respecto ao ano anterior. O grupo de goberno vén de aprobar o conxunto das partidas, que ascende a 1.140.000 euros e dentro das cales, a adicada a investimentos públicos, será a máis elevada con 505.855 euros -o 44% da cantidade total-. Neste senso, o capítulo sufriu un incremento dun 23% se se compara co anterior exercicio económico. 

O obxectivo de Xan Jardón pasa por "consolidar e financiar" máis proxectos que permitirán reforzar a aposta do Goberno municipal para garantir "servizos públicos e de calidade e afianzar o noso modelo de desenvolvemento, con autonomía, e para frear o envellecemento e asentar poboación". O goberno de Jardón saca peito ao afirmar que Vilar de Santos foi o concello da Limia que, en 2017, tivo o menor descenso de poboación "tendencia que continuou no 2018".

Por outra banda, no que atinxe ao capítulo de persoal o gasto suporá o 32% do presuposto -367.570 euros-. "Con el xestionamos directamente todos os servizos municipais para atender as novas necesidades xurdidas e reforzar a atención dos servizos sociais comunitarios e outros como a escola infantil", apuntou o primeiro edil de Vilar de Santos. 

Os gastos correntes serán o 21%, 245.799 euros, a mesma porcentaxe que durante o pasado 2018, logrados, segundo o alcalde, "grazas ao control do gasto". 


Taxas e impostos


Como vén sendo habitual nos últimos anos -2015, 2016, 2017, 2018-, as taxas e impostos municipais continuarán conxelados en 2019. Asimesmo, os posibles aumentos nos custes dos servizos non serán repercutidos aos veciños, senon que serán asumidos polo Concello. "Podemos facelo, de feito, introducimos e repercutimos unha bonificación aos veciños no recibo do lixo deste ano", apuntou Jardón. "Tamén incluimos novamente as modificacións fiscais na ordenanza fiscal reguladora do IBI, ICIO e IAE. Pretendemos dinamizar e incentivar e axudar ás empresas e novos proxectos e negocios, ao tempo que xeramos atractivo para as persoas que queiran establecerse en Vilar de Santos", engade. 

Por último, o rexedor fixo unha valoración das distintas áreas de actuación nas que participou o seu goberno durante o 2018 e salientou a "aposta polos servizos sociais municipais, públicos e excelentes", así como a "mellora das infraestruturas e equipamentos públicos" cun investimento, neste senso, de 199.432 euros.

Te puede interesar