O Padroado do Museo da Limia entregará hoxe o III Premio Pedra Alta

O centro de desenvolvemento rural o viso de lodoselo será a entidade homenaxeada 

O Padroado do Museo Etnolóxico da Limia de Vilar de Santos, en colaboración co Centro de Cultura Popular do Limia, entregará hoxe sábado, día 30 de novembro, o terceiro Premio Pedra Alta que, nesta ocasión, irá a parar ás mans dos responsables do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso fundado en Lodoselo e que tamén ten unha sede en Xinzo de Limia. 

Os actos comezarán ás 11,15 horas cunha visita de todos os participantes, homenaxeados e público en xeral ás instalacións do Museo da Limia. Acto seguido, a comitiva trasladarase ata o salón multiusos do Concello de Vilar de Santos, lugar no que se celebrará o acto solemne de entrega. 

O alcalde e presidente de honra do Padroado, Xan Jardón, será o encargado de inaugurar a xornada, que continuará coa actuación musical de Luis Humberto Cao e Baldomero Pavón. Durante o acto tamén intervirá o presidente do Padroado do Museo, Delfín Caseiro, que leerá a acta pola que se lle concede Pedra Alta ao Centro de Desenvolvemento Rural O Viso -en nome do cal asistirá o seu fundador Antonio Rodríguez Corbal. 

O acto rematará cunha nova actuación musical e un xantar-cocido de confraternización no restaurante Novaíño, ao que asistirán máis de medio cento de persoas.

Te puede interesar