A Pantalla ensinará como facer os fachóns para o meco

Todos os detalles da festa deste 2023 daranse a coñecer hoxe, ás 10,00 horas, no Concello de Xinzo.

Continúan en Xinzo de Limia os preparativos e actos previos de cara á celebración máis agardada do ano na vila, o Entroido. Este sábado, a partir das 16,30 horas, a Asociación A Pantalla organiza unha actividade centrada na realización dos fachóns, elementos artesanais elaborados a base de palla e que serven para alumear a procesión do colgamento do meco. A actividade será na sede do Museo Galego do Entroido e, tal e como informaron dende a propia asociación, haberá “merendola”, música e palla para todas as persoas que queiran participar -é unha iniciativa aberta a toda a veciñanza da vila-. 

Na mesma cita, ademais, os máis cativos poderán aprender como baila unha Pantalla, polo que será necesario achegarse cos cintos para aprender os sons e movementos característicos desta personaxe. 

Por outro lado, tamén este sábado abrirase unha exposición de máscaras de Entroido a partir das 19,30 horas. Estará presente o seu autor, Xosé Manuel Seixas. 

Todos os detalles da festa deste 2023 daranse a coñecer hoxe, ás 10,00 horas, no Concello de Xinzo. Representantes institucionais e da comisión desvelarán a programación definitiva con todas as actividades.

Te puede interesar