ENTREVISTA

"O Partido Popular de Xinzo non ten un trato directo coa poboación, é un grupo moi pechado"

ce47f05c-3596-4094-926b-7edd8ecdf1f2_result
photo_camera Jaime José Folgoso, de CxG.

A formación Compromiso por Galicia vén de fundar na Limia a súa primeira agrupación oficial

Compromiso por Galicia vén de fundar en Xinzo a súa primeira agrupación oficial, conformada por cinco militantes e encabezada por Jaime José Folgoso. Gandeiro de profesión, Folgoso asegura que o obxectivo pasa por manter un trato directo coa cidadanía limiá e mellorar a súa calidade de vida.  

Cando comezou a súa militancia en Compromiso por Galicia?

Levo case un ano e é a primeira vez que formo parte de xeito tan directo dunha formación política. 

Por que se decidiu por Compromiso por Galicia?

É unha formación política que encaixa bastante ben cos meus ideais pois é de centro, non hai radicalismos nin dun sentido nin do outro. O programa que queren levar a cabo pareceume adecuado tanto para a comarca da Limia, como para o resto de Galicia. 

Que cree que lle pode aportar Compromiso por Galicia a Xinzo?

Sobre todo, o que queremos é achegar as administracións públicas á xente. No que atinxe ao Concello de Xinzo, non hai maneira de falar cun concelleiro nin co alcalde para que resolvan os problemas dos veciños. Queremos ter ese trato cercano coas persoas, que poidan falar contigo na rúa ou no propio Consistorio. 

Por que pensa que o alcalde de Xinzo e os concelleiros non son accesibles?

O Partido Popular de Xinzo non ten un trato directo coa poboación, é un grupo moi pechado. Para solicitar unha cita no Concello con algún deles hai que agardar moito tempo, poñen moitas trabas. 

Pola súa profesión, pensa que pode entender mellor a problemática e as necesidades dos sectores agrario e gandeiro na Limia?

Si, efectivamente. De feito, imos a levar ao Parlamento Europeo unha iniciativa vencellada ao Epitrix, que afecta á pataca. Queremos facilitarlle as cousas aos agricultores e gandeiros.  

Presentarán iniciativas aínda que non teñan representación?

Si, a nosa idea non é sentarnos nun sillón e que pasen os días e nada máis, que é o que están facendo os partidos maioritarios. 

Que carencias cre que ten Xinzo e que hai que solventar?

É necesario que se asfalten as rúas que están con moitas fochancas. Por outra banda, gustaríanos cambiar a forma de acceder a traballar ao Concello, non hai oportunidades para a xente. 

Encabezará a lista de CxG?

Aínda non está decidido, celebraranse eleccións primarias antes.

Te puede interesar