Reportaxe

O patrimonio tamén se canta

Remedios Santana canta romances, cultura oral con raíces na Galicia do s.XV e que se traballa para recuperar.  Ela recorda outros tempos, as voces das mulleres cantando en Piñeira de Arcos: "A alegría foise da xente, non hai convivencia"

Hai non tanto, a banda sonora das aldeas galegas eran os cantos das veciñas, que recitaban letras aprendidas das nais e das avoas. Cando facía frío, xuntábanse nas palleiras, ao carón dos animais, e falaban, cantaban, cosían. No verán, cando tocaba traballar no campo, homes, mulleres e nenos animaban coa voz as duras xornadas labregas. Os cantos non se escribían, pasaban duns a outros coma o pan e o viño que compartían. 

"Eu nunca anotei ningunha letra, sempre tiven moi boa memoria", conta Remedios Santana, veciña de Piñeira de Arcos, en Sandiás. Ela aprendeu da súa nai -"Cantaba moi ben, moi ben"-, das amigas e dunha señora para a que traballou tres anos -"Era moi faladeira, dáballe contestación a todo"-. O próximo mes, Santana cumpre 85 anos, e asegura que recorda mellor aqueles tempos que o que fixo a semana pasada. "Acórdome do que pasou hai 50, 60 ou 70 anos, e non do que pasou onte... Eche así", comenta. 


O romance


Entre os cantos, Santana aprendeu romances, unha manifestación da cultura oral galega que hoxe en día só se conserva nas áreas orientais das provincias ourensá e lucense. "Non sei onde o aprendín, sabíamolo todas, eramos moitas rapazas, íamos xuntas as festas, polo camiño cantábamos cousas...", recorda. O centro compostelá ACentral Folque está facendo unha labor de recuperación do romance e do brindo –outro cantar da cultura oral galega–, dentro do programa da Xunta "O teu Xacobeo". Os investigadores achegáronse a Piñeira de Arcos para coñecer a Remedios Santana e facer unha recollida do seu saber como portadora do patrimonio galego inmaterial. Pero ela réstalle importancia: "Todas cantábamos, pero claro, xa só quedamos dúas...". 

remedios_resultado


A transmisión oral


Santana ten dous fillos, aos que de pequenos lles recitaba aquelas cancións que aprendeu da súa nai. "Eles non creo que se acorden, que va, pero eu cantáballe moito cando eran pequerrechiños", comenta. "Durme miña nena durme/durme se queres durmir/que o teu pai vaiche na leña e a túa nai non ha de vir", recita. Ás netas tamén lles cantou, pero Santana asegura que "estes xa son outros tempos, non che é o mesmo". Os móbiles, as televisións ou os ordenadores provocaron, na súa opinión, que a xente deixase de xuntarse, de contar contos, de falar. "Xa non hai convivencia, agora veu este demo desta televisión e méteste aquí e xa che rouba o tempo, xa non sales por aí", afirma. 

A emigración e a despoboación tamén xogaron un importante papel na perda da convivencia: "Antes, aquí –en Piñeira de Arcos- tiñamos varios ultramarinos, unha carnicería, un zapateiro, un que arranxaba os zapatos, a fábrica de fariña... Agora, que? A xente marchou, non hai traballo, os novos vanse cando poden para outro lado...". Daquela aldea –na que se escoitaban os cantos das mulleres– á de hoxe, Santana ten claro o que cambiou: "A alegría perdeuse, a xente agora está triste". 

p1020704_resultado

“Levamos 63 anos casados, que xa che é tempo"

Remedios Santana e o seu marido, Manolo, levan 63 anos xuntos. "El tamén cantaba moito... ás veces aínda nos poñemos a recordar cando eramos mozos, cando nos viamos nas festas", conta Santana. Recordan por exemplo os fiadeiros, cando se xuntaban nas palleiras e os rapaces cantaban dende fóra: "Se algún mozo lle gustaba algunha, cando pasaban pola casa cantabanlle á porta para que escoitásemos".

Te puede interesar