TRIBUNALES

O Xulgado falla contra os veciños no caso da planta asfáltica de Xinzo

O maxistrado di que a planta non se sitúa na zona de especial protección para aves zepa da Limia

O Xulgado do Contencioso Administrativo número dous de Ourense non anulará a licenza outorgada á empresa que xestiona a planta asfáltica de Parada de Ribeira por parte do Concello de Xinzo. Neste senso, rexeitou o recurso presentado pola Asociación Veciñal Cultural O Muíño da Lama desta localidade, contraria á concesión do permiso para a produción de mestura bituminosa en quente. 

Segundo se extrae da sentenza, o xuiz afirma que "é evidente que non existe afectación directa, dado que non se sitúa -a planta- na zona de especial protección para aves ZEPA da Limia". Do mesmo xeito, di que "non existe informe que acredite afectación indirecta". 

Por todos os motivos expostos anteriormente, o maxistrado considerou que eran "innecesarias" a avaliación ambiental ordinaria e a autorización ambiental integrada pola presenza de produtos químicos. "Ao non apreciarse infracción neste trámite, necesariamente debe conducir á desestimación do recurso", indicou.

Por outra banda, a resolución tamén considera "evidente" que o castro e os restos arqueolóxicos próximos á instalación "non se ven afectados de ningún xeito por ela". O xuíz insistiu en que a explotación proxectada "non se atopa dentro do espazo de protección da ZEPA" e que, ademais, "se valorou a existencia da mesma por parte da Xunta, o cal non foi impedimento para que se concedera a autorización".

Te puede interesar