PROVINCIA

A plantación de eucaliptos provoca multas en Sarreaus

Eucaliptos Sarreaus_result
photo_camera Un momento da charla informativa en Sarreaus á que asistiron máis dun cento de veciños.

O Concello organizou unha charla para informar aos veciños sobre esta práctica

O Salón de Actos do Concello de Sarreaus acolleu unha charla informativa de normas e prohibicións sobre a plantación de árbores, que estivo impartida polo xefe provincial do Servizo de Montes e o responsable do Servizo Xurídico da Consellería de Medio Rural. 

O acto foi solicitado polo propio Concello tras detectar un importante número de sancións a veciños da zona pola plantación de eucaliptos de xeito incorrecto. O alcalde de Sarreaus, Sindo Lamas, asegurou que en moitos destes casos, as prácticas se producen "por descoñecemento da normativa vixente" e que o fin da conferencia "foi informar aos veciños para evitar, na medida do posible, máis multas". 

Os técnicos informaron ás máis de 100 persoas que asistiron ao Concello, sobre as principais causas da apertura destes expedientes, que segundo sinalaron "adoitan chegar polo tema das distancias ás que se deben facer as plantacións e polos cambios de uso, é dicir, polas plantacións en terreo agrario". Tamén se analizaron as sancións que veñen tipificadas na Lei de Montes de Galicia. 

O rexidor local, subliñou que a maior preocupación que mostraron os veciños na reunión foi a vencellada "á cuestión das distancias" e , do mesmo xeito, tamén solicitaron algunhas aclaracións sobre "as plantacións antigas" (as anteriores ao ano 2012) que non están suxeitas a lei vixente. Neste caso habería un plazo para facer unha adaptación á nova lexislación, mentres que as que se fan de xeito posterior a 2012 teñen que cumplir coa normativa actual. 

O alcalde recordou que está prohibido plantar eucaliptos en zonas urbanas, zonas de concentración parcelaria e zonas de especial protección agropecuaria, salvo que exista unha autorización expresa. Dependendo da gravidade da infracciónn as multas poden chegar ata os 1.000 euros. 

Te puede interesar