O pleno de Xinzo respalda as demandas educativas na vila

Xinzo de Limia. 15/09/2020. Pleno extraordinario do concello de Xinzo pola situación do Ies Cidade de Antioquía ante a apertura do centro polas medidas de prevención polo Covid-19.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera A corporación deu o seu respaldo ás reivindicacións educativas.// Foto: Xesús Fariñas
As formacións solicitan á Xunta medios humanos e dotación económica para garantir a seguridade

Despois de varias xornadas de protesta ás portas do Colexio Rosalía de Castro xunto a pais e profesorado, e de manter unha xuntanza cos responsables do Instituto Cidade de Antioquía, os diferentes edís que integran os grupos municipais do Concello de Xinzo aprobaron este martes de xeito unánime unha moción conxunta coa que respaldan as reivindicacións da comunidade educativa da vila para dotar de máis medios o curso escolar, así como de un orzamento económico que permita garantir a limpeza e desinfección continua das aulas como así o esixe o protocolo para facer fronte á pandemia do covid. 

No caso concreto do centro de secundaria, o pleno de Xinzo denunciou "a falta de dotación de recursos humanos necesarios, neste caso, o incremento de tres docentes no cadro de persoal solicitados desde o centro educativo". Puntualizaron que un informe da Inspección Educativa avala as peticións dos mestres e equipo directivo que, recordaron dende a Corporación, "ameaza coa dimisión se non se atenden as súas demandas, tal como asinaron nun escrito e como así nos transmitiron na visita ao propio centro". Ademais e por decisión da directiva, non se iniciarán as clases o día 23, data prevista para facelo, mentres non se garantan as condicións oportunas. 

Por outra banda, o malestar dos edís agudízas  ao recordar que o propio Concello ofertou á Consellería de Educación diversos espazos para desdobrar os cursos que fose necesario e, sen embargo, a proposta foi rexeitada. "Non se tivo en conta o número de aulas dispoñibles en cada centro nin as dimensión das mesmas para garantir a distancia de 1,5 metros, nin a necesidade de aumentar as unidades por curso para desdobrar, nin se atenden as solicitudes de incrementar o número de docentes", lamentan dende Xinzo a través desta moción.

Unha semana de protestas no Rosalía
Mañá xoves cumprirase unha semana do inicio das concentracións ás portas do Colexio Rosalía de Castro ás que veñen de sumarse veciños, políticos, pais e mestres do centro. Reclaman que se habilite unha praza máis para un docente-amortizada neste curso- que permita repetir os desdobramentos precisos e garantir a seguridade do alumnado. Dende a Consellería matizaron que a reducción da matriculación influiu na mencionada amortización. Nesta liña, o pleno de Xinzo aprobou este martes e por unanimidade dos distintos grupos"esixir da Consellería de Educación que atenda as necesidades de profesorado no Colexio Rosalía de Castro, que lle foron demandadas mediante acordo da Xunta de Portavoces deste Concello en data recente".

Te puede interesar