A LIMIA

O Museo da Limia analizará a educación na comarca o sábado

os poñentes serán os educadores lucía nóvoa, xabier pérez gallego e antonio rodríguez corbal, mestres na limia

O Museo da Limia de Vilar de Santos acollerá este sábado, a partir das 17,00 horas, unha nova edición de "Conversas na taberna", unha actividade consolidada dentro das que se ofertan na mostra. Nesta ocasión estará dedicada ao estado no que se atopa a educación na comarca, unha análise para a que se contará coas experiencias que compartirán distintos educadores, pedagogos e persoal implicado neste eido, na Limia.

Nesta nova entrega estará presente Antonio Rodríguez Corbal, un dos promotores do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso e, concretamente, do programa "Preescolar na casa", que consiste en educar aos máis cativos do rural dentro do entorno familiar e contando coa participación activa dos seus proxenitores. Rodríguez Corbal tamén exerce como mestre no colexio Rosalía de Castro. Por outra banda, Lucía Nóvoa Joga, actual educadora do CDR O Viso, será outra das poñentes nesta cita á que tamén asistirá Xabier Pérez Gallego, director do colexio Padre Crespo de Xunqueira de Ambía. Este centro, maila estar ubicado no rural, ten levado a cabo unha importante renovación pedagóxica que repercutiu, positivamente, nun incremento importante do seu número de matriculacións.  

Coa finalización do primeiro tramo de exposicións, haberá un breve descanso para compartir un cafe entre os participantes no evento. "Queremos que as persoas que se acheguen reflexionen sobre os desafíos de levar a cabo a práctica docente nun territorio como é o da Limia, sometido a un proceso de despoboamento moi acentuado", explica André Taboada, vicepresidente do Museo da Limia. "Asimesmo, queremos extraer cales son as ideas que comparten ou que podemos sacar en limpo destes tres educadores", engade.

Te puede interesar