URBANISMO

Porqueira cambiará as beirarrúas de A Forxa

Porqueira2_result
photo_camera Beirarrúas que serán ampliadas fronte á casa consistorial de Porqueira.

Tamén acometerá unha senda peonil na localidade de Faramontaos

A Xunta de Galicia iniciou onte as obras de execución dunha senda peonil no núcleo de Faramontaos, no municipio limián de Porqueira. Así mesmo, e coa mesma partida orzamentaria, tamén se iniciaron reparacións de beirarrúas na Forxa, na estrada OU-301, ao seu paso polo Concello da Porqueira. Estas actuacións contan cun orzamento que supera os 60.000 euros e teñen un prazo de execución de tres meses.


As accións a levar a cabo en Faramontao correspóndense coa construción dunha senda peonil de 1,8 metros de ancho e 300 metros de longa na marxe esquerda da estrada. Concretamente, o camiño unirá a intersección coa estrada provincial a Faramontaos ata conexión coa beirarrúa existente en Pedrosa. A tipoloxía do vial será de gabia transitable para que poida ser empregado tanto como banda para o tráfico de peóns en condicións seguras, así como de sistema de evacuación de augas pluviais. Asemade, colocarase un colector de PVC para o transporte das augas de drenaxe.


Por outra banda, na Forxa, substituirase a beirarrúa existente na marxe esquerda e renovarase a louseta da beirarrúa dereita. Na zona do paso de peóns existente fronte ao edificio consistorial da vila, ampliarase a beirarrúa para para mellorar a visibilidade dos peóns. Tamén se procederá á eliminación da zona de aparcadoiro na marxe dereita, co fin de aumentar a visibilidade do paso.


Ámbalas dúas accións fan parte das actuacións recollidas no Plan de Sendas de Galicia para a provincia de Ourense e que executa a Consellería de Infraestruturas e Vivenda do goberno autonómico. Estas sendas destínanse tanto a peóns como á circulación de ciclistas, que son protagonistas da estratexia en materia de Mobilidade Alternativa de Galicia. Isto permitirá "minimizar as repercusións sobre o medio ambiente e os seus impactos sociais e económicos".

Te puede interesar