A Limia

Porqueira mellora a súa residencia con novas dotacións

A conselleira de Política Social charla cos cativos da casa niño de Porqueira.
photo_camera A conselleira de Política Social charla cos cativos da casa niño de Porqueira.
O municipio tamén conta co servizo de casa niño, que ten ocupadas as cinco prazas que ofrece 

O municipio de Porqueira conta con novos servizos sociais para pequenos e maiores. É o caso da residencia de anciáns, que abriu o pasado día 2 de marzo con 12 usuarios, e da casa niño, que xa ten ocupadas as cinco prazas dispoñibles. 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou o papel fundamental da Xunta de Galicia á hora de colaborar co propio concello da Comarca da Limia e desenvolver iniciativas sociais que melloren a vida dos veciños da localidade. Preténdese, dende a Administración galega, achegarlles novos recursos, en especial aos nenos e nenas, así como ás persoas máis maiores. 

García visitou as mencionadas instalacións durante a mañá de onte luns, e fíxoo acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira e da propia rexedora local, Susana Vázquez. 

A titular autonómica de Política Social enmarcou nesta coordinación entre administracións a posta en marcha da residencia municipal de maiores da localidade. Nesta liña, o pasado ano o Concello e Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar asinaron un convenio para dotar de equipamento novo a instalación, antes, precisamente, da súa apertura definitiva. 

Durante a súa visita á comarca da Limia, na a que tivo a oportunidade de intercambiar impresións cos usuarios da residencia e pasar un pequeno rato cos nenos e nenas da casa niño -ubicada nas inmediacións da Casa do Concello- a conselleira subliñou a vontade do Goberno autonómico por achegar as políticas sociais a todos os concellos, grandes e pequenos. Neste fin enmárcase o éxito das casas niño, que son pequenas escolas infantís nos concellos de menos de 5000 habitantes con capacidade para un máximo de cinco cativos. É o caso da de Porqueira, que leva o nome de Roan e que ten toda a súa oferta ocupada.

Por último, Fabiola García explicou na súa visita a Porqueira que este recurso de conciliación, que está a ter unha grande acollida, garante a "harmonización da vida familiar e laboral, o asentamento de poboación no rural e a creación do emprego".

Te puede interesar