O potencial transfronteirizo busca vías de comercialización

photo_camera Eugenia Medina e Rosendo Fernández, durante a videoconferencia no Marcos Valcárcel.
Celebrouse unha xornada de traballo por videoconferencia para analizar novos canles de venta

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu este martes unha xornada de traballo por videoconferencia para analizar o potencial dos municipios galegos e do norte de Portugal no marco do proxecto europeo CTC Limia-Lima-Cávado, cofinanciado con fondos Feder dentro do programa de cooperación transfronteiriza Interreg. Neste plan participan como socios o Inorde e as rexións lusas do Alto Minho e do Cávado, esta última como líder do proxecto.

No encontro virtual deste martes fíxose especial fincapé na promoción dos produtos agrícolas de calidade e nas oportunidades de negocio xeradas ao seu abeiro. 
O presidente do Inorde e vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou no encontro dixital asegurando que éste representa "unha mostra máis de que a nosa cooperación co norte de Portugal é constante e confirma o cumprimento do obxectivo xeral do proxecto, que non é outro que potenciar o apoio ao desenvolvemento económico e territorial do espazo transfronteirizo", dixo. "Con esta xornada pretendemos promover algúns dos mellores produtos das nosas zonas en canto a produción, calidade, aproveitamento dos subproductos, áreas xeográficas protexidas e denominacións de orixe, analizando ao mesmo tempo as oportunidades de novos negocios ou ampliación dos xa existentes mediante a innovación, a comercialización en mercados de proximidade ou canles gourmet e horeca", engadiu durante a presentación. Neste senso, a xornada comezou cunha exposición das liñas mestras do proxecto, para continuar cun percorrido pola situación actual e as oportunidades que ofrecen unha serie de productos tanto na provincia de Ourense como no norte de Portugal, entre eles a castaña, a pataca, o viño, froitos vermellos e cogomelos.

Por outro lado, e segundo subliñou o propio Rosendo, outro  dos obxectivos primordiais deste evento é "manter unha rede de traballo que permita compartir e difundir información útil para as nosas empresas e emprendedores en aras de fomentar o emprego e a sustentabilidade no rural". Precisamente, esta información se editará en pequenas guías en formato dixital e papel.

O proxecto europeo CTC (Comunidade Territorial de Cooperación) do programa transfronteirizo Interreg comezou a súa andaina en xullo de 2008 e remata no presente ano. Por mor da crise sanitaria, as mesas de traballo de agricultura e emprendemento conxuntas se celebraron onte de xeito virtual.n

Te puede interesar