O PP limiao pide implantar plans de autoprotección

Aseguran que, agás o Conservatorio Profesional, a Escola de Gaitas, o Pavillón de Deportes, a Piscina Climatizada e a festividade do Entroido, "o resto de edificios municipais e eventos" non contan co mencionado plan.

O Partido Popular de Xinzo rexistrou unha moción co obxectivo de implementar, en edificios e eventos de carácter municipal, os pertinentes plans de autoprotección. "A finais do mandato 2015-2019, o anterior Grupo de Goberno Local iniciou a xestión de dotar aos edificios municipais e aos eventos que organiza o Concello de Xinzo de Limia dun Plan de Autoprotección para cada un", recordan os populares. "Naquel momento contratouse a unha empresa local para que realizase estes plans aprobando en Xunta de Goberno que os primeiros fosen para o Conservatorio Profesional, a Escola de Gaitas, o Pavillón de Deportes, a Piscina Climatizada e a festividade do Entroido", engaden. 

Sen embargo, a día de hoxe, os edís da oposición aseguran que "o resto dos edificios municipais con actividade, como tamén os eventos que organiza o Concello de Xinzo de Limia, agás o Entroido, non teñen o seu pertinente Plan de Autoprotección como a lexislación vixente así esixe", polo que esixen que se implemente esta figura e se solvente esta carencia.

Te puede interesar