Política

O PP urge en Xinzo unha escultura para o persoal sanitario

Os populares reclaman que o recoñecemento se faga extensivo a voluntarios e traballadores

O Partido Popular de Xinzo rexistrou unha moción no Concello para homenaxear ao persoal sanitario, traballadores, voluntarios e tamén ás víctimas que deixou a pandemia do covid-19. Mais contretamente solicitaron "un recoñecemento institucional" por parte da administración local, así como unha escultura na memoria das vítimas e do esforzo de profesionais e voluntariado que estiveron na primeira liña de combate, nun lugar simbólico da vila limiá. 

Dende o partido da oposición recordan ao grupo de goberno que non debe esquecer "ás persoas que nos momentos máis complicados deron un paso adiante e co seu traballo lograron, aínda con moito risco, minimizar os efectos dunha pandemia e dun confinamento como non se recorda nos últimos tempos. Persoas que formaron unha primeira liña na loita contra a covid 19 e que saían das súas casas para que o resto estivésemos tranquilos nas nosas. Heroínas e heroes que non deron un paso atrás durante o Estado de Alarma", relatan os populares. 

Por último, o PP limiao reclama este distintivo a un persoal  "que foi a punta dunha lanza composta pola profesionalidade da xente dos servizos esenciais como supermercados, farmacias, limpeza, transporte, ensinanza, desinfección, voluntariado, seguridade ou emerxencias. Homes e mulleres que dende o seu posto de traballo ou coa colaboración desinteresada, cargaron coa responsabilidade de que a covid 19 non nos vencese", engaden.

Te puede interesar