O PP de Xinzo acusa ao Goberno local de “censura"

Os populares acusaron ao equipo de Elvira Lama de "privalos" de presentar nos plenos "a maioría das mocións" que elaboran

O Partido Popular de Xinzo reiterou o seu malestar co equipo de Goberno á hora de tratar as súas propostas de mocións e de recoller os debates plenarios. 

Logo de criticar a tardanza na celebración da sesión de mañá xoves -aseguran que debería terse celebrado hai dúas semanas- os populares acusaron ao equipo de Elvira Lama de "privalos" de presentar "a maioría das mocións" que elaboran. Neste senso, aseguran que non poderán debatir ás vencelladas a mellorar as subvencións para as asociacións, a solucionar os problemas existentes de lixo nas rúas de San Roque e Blanco Amor, nin tampouco a proposta para acadar unha maior transparencia: "Ao final os grupos da oposición seguiremos censurados, soamente se debaterán os temas que lle interese ao Grupo de Goberno, ocultando á cidadanía as propostas de todos os grupos políticos municipais a  maiores de non recoller as nosas verbas nas notas de prensa de cada pleno", lamentaron dende a bancada popular. 

No tocante ás subvencións, dende o PP de Xinzo lamentaron que se deixase fora a "varias entidades" sen dar unha explicación nas comisións informativas. 

Por último, o grupo da oposición asegurou que "a alcaldesa renovou fai un días o contrato a dedo" do responsable de comunicación "que seguirá facendo campaña de autobombo de dona Elvira Lama".

Te puede interesar