Política

O PP de Xinzo acusa ao goberno de non contar con eles nos actos

os concelleiros engaden que tampouco son avisados en reunións, aperturas de cursos ou eventos

Os edís do grupo municipal popular amosaron esta semana o seu malestar pola "falta de consideración" e polos "malintencionados fallos na comunicación" por parte do goberno local para coa súa formación. "Trócanse os plenos ordinarios do día fixado inicialmente e non se conta coa oposición para elexir as mellores datas, e convócase un pleno extraordinario para cinco minutos despois da comisión pertinente e sen avisar con tempo de antelación, cando os técnicos xa o sabían", quéixanse dende a formación popular. Precisamente, esto último foi o que ocorreu durante a derradeira sesión plenaria celebrada en Xinzo, antes da que a alcaldesa pediu desculpas á oposición. 

Sen embargo, o malestar do PP local non se limita soamente ás convocatorias de plenos ordinarios e extraordinarios, senon que se fai extensivo a outros actos de tipo público: "Minutos de silencio, aperturas de cursos ou ciclos, concentracións, convocatorias á veciñanza, reunións, actos ou eventos de todo tipo que organiza ou cos que colabora o Concello de Xinzo". Os concelleiros apuntan a que hai unha "nula comunicación" por parte do departamento que leva directamente Elvira Lama.

"Calquera nova que sae do Concello á prensa tampouco se comunica ao noso grupo", din dende o PP. "Todo isto co anterior goberno non pasaba. As persoas que levaban a comunicación enviaban o mesmo email das notas de prensa e invitacións aos medios e ás portavocías de cada partido, así como tamén aos concelleiros e concelleiras da oposición". 

Para os edís populares "non valen as reiteradas peticións de perdón ou desculpas que Elvira Lama dá nos plenos. Pediu perdón no pleno e pola tarde tivo a presentación e inicio do curso de 'O paraugas do Alzheimer' e non avisou novamente".

Te puede interesar