O PP de Xinzo pide ao goberno máis transparencia

Elvira Lama Lama manifestou: "Que se queixen de  falta de transparencia... Nunca tivemos tanta comunicación"

O Partido Popular de Xinzo rexistrou unha moción na que solicita ao grupo de goberno "máis transparencia" na comunicación á cidadanía, a actualización da páxina web municipal e que se fomente o debate con todas as iniciativas dos grupos da oposición. "Encontramos que dende as nosas propias comisións informativas se nega o debate plenario a todas as ideas ou propostas", lamentan. "Tamén nos atopamos con notas de prensa do departamento de Comunicación do noso Concello onde se ocultan as verbas ou medidas expostas polos grupos ou voceiros da oposición. Un departamento de comunicación baseado nunha exaltación da figura da alcaldesa, menosprezando moitas veces ao resto dos concelleiros do grupo de goberno", engaden dende a bancada do PP denunciando que dita empresa de comunicación "contratouse a dedo cun custo de 18 mil euros anuais".

A rexedora local, Elvira Lama, explicou que o motivo polo que moitas das cuestións propostas pola oposición non se levan a plenario "é porque están solucionadas ou en vías de solución". No ámbito da falta de transparencia, Lama manifestou: "Que se queixen de  falta de transparencia... Nunca tivemos tanta comunicación e non é certo que haxa un ensalzamento da alcaldesa, de feito, os concelleiros sempre saen en novas da área que lles corresponde". 

En canto ao gabinete de prensa, Lama puntualizou que "comunica temas institucionais. Para recoller o debate e as cuestións do resto dos grupos está a prensa, a radio e a televisión". A cuestión da páxina web xa está en vías de actualización, dixo.

Te puede interesar