O PP de Xinzo pide que se fagan públicas as analíticas da auga

A plataforma cidadá "Auga limpa xa!" aclarou que non se manifestou en contra das granxas intensivas da Limia, senon que "fixo uso do seu dereito a informar da contaminación dos nosos acuíferos por nitratos"

Os enfrontamentos xurdidos ao abeiro da mesa informativa instalada pola plataforma "Auga limpa xa!" durante a feira do pasado día 14 en Xinzo, continúan provocando reaccións entre a cidadanía e os grupos políticos. Os últimos en manifestarse foron, novamente, os edís do grupo municipal popular de Xinzo, que solicitaron por escrito que o Concello "faga as actuacións necesarias para evitar a repetición deste tipo de actos"-en referencia á instalación da mencionada mesa da que censuraron a súa falta de autorización-. Do mesmo xeito, os populares piden "que se fagan públicas as analíticas das nosas augas para tranquilizar á veciñanza" e se convoque unha mesa informativa para tratar as posturas de cada grupo neste tema e, se fose necesario, debatelo nun plenario. 

Por outra banda, o grupo da oposición, que denunciou o "agravio" feito ao sector do agro limiao, instou ao Grupo de goberno de Xinzo a que solicite ao GDR Limia-Arnoia unha reunión urxente da Mesa da Limia "para seguir avanzando no tema dos xurros". 


Un “Escrache"


Pola súa parte, a plataforma cidadá "Auga limpa xa!" aclarou que non se manifestou en contra das granxas intensivas da Limia, senon que "fixo uso do seu dereito a informar da contaminación dos nosos acuíferos por nitratos", algo "constatado" pola Unión Europea e por organismos oficiais do Estado. Neste senso, acusou a Adegal de organizar un escrache contra a súa mesa informativa durante o que recibiu "berros, insultos e coaccións". Ademais, o colectivo cidadá asegura que "ten probas" desta organización. Dende Adegal negaron ningún tipo de movemento ou comunicación aos seus socios por vías telefónicas ou verbais para movilizalos.

Te puede interesar