O PP de Xinzo reactívase coa vista posta nos comicios de 2023

Os Populares levan oito anos sen celebrar un congreso local. 

O Partido Popular de Xinzo vén de iniciar a carreira de cara ás eleccións municipais de 2023. Así, o portavoz municipal, Antonio Fernández Veiga e o presidente da xestora local e diputado autonómico, Carlos Gómez, dirixiron unha reunión na que participaron varios militantes co obxectivo de dar comezo ao “curso político” e preparar os próximos comicios.

Nesta xuntanza inicial, Fernández Veiga, portavoz do Grupo Municipal dos Populares, realizou unha valoración crítica coa xestión feita dende o cuatripartito do Concello de Xinzo dende que asumiu o goberno municipal no ano 2019, así como un balance da actividade que vén desenvolvendo o Grupo Municipal Popular na oposición.

Pola sua banda, Carlos Gómez abordou situación do partido, que leva cinco anos sin presidente local dende que se dera de baixa da militancia do PP no 2017 o exalcalde Antonio Pérez. Do mesmo xeito, hai oito anos que non se celebra o congreso local para elexir ao comité, cuestión esta que levou ao Executivo Provincial a tomar a decisión de nomear unha Xestora temporal en Xinzo ata a celebración do próximo congreso. 

Tamén se explicaron as funcións e cometidos temporais da Xestora e dos grupos de traballo que se están a formar coa intención de “tender a man e abrir as portas do partido a todos os militantes votantes e simpatizantes desta formación, incluso aos descontentos ou aqueles que deixaran de prestarlle o apoio nas últimas municipais”, din os Populares.

Rematou a xuntanza cunha rolda de preguntas e suxerencias por parte dos asistentes.

A esta reunión seguiranlle outras nas vindeiras semanas tamén coa necesidade de “reactivar” o partido, segundo fontes Populares, logo de dous anos sen actividade nin reunións.

Te puede interesar