A Praza de Abastos de Xinzo sorteará un televisor

Tamén unha fin de semana nun hotel - balneario no marco da súa primeira campaña de Nadal. 

Os comerciantes da Praza de Abastos de Xinzo celebrarán este ano a súa primeira campaña de Nadal co obxectivo de animar as vendas e premiar a fidelidade dos seus clientes. Así, por medio desta iniciativa, sortearase un televisor e unha fin de semana nun hotel - balneario. 

O Concello de Xinzo colabora cos vendedores para o reparto das rifas entre os compradores habituais nas instalacións. 

A papeleta gañadora deberá coincidir coas catro últimas cifras do primeiro premio da Lotería de Nadal -que se celebrará o vindeiro 22 de decembro-, no caso do televisor, e cos catro últimos números do segundo premio, no tocante á estancia no hotel.

Dende a Praza de Abastos recordan que os seus establecementos ofrecen produtos “de primeira calidade” e por iso animan a os veciños e veciñas a facer as súas compras na vila e a participar nesta primeira campaña de Nadal. 

Dende o Consistorio limiao, Manuel Pérez Campos, titular da área de Promoción Económica, amosou o seu “apoio” a uns profesionais que afrontan “unha situación económica difícil” pola crise actual.

A campaña da Praza de Abastos sumarase á promovida por Prolimia e, do mesmo xeito, polo Concello de Xinzo, e que contará, entre os seus principais atractivos, cun globo aerostático que quedará instalado no entorno do Toural.

Te puede interesar